Hoxe é Luns 24 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Centro Recreativo e Cultural de Redondela estrea escola de música a partir de setembro

centro

Proarte ofrecerá desde a primeira semana de setembro formación musical para nenos e adultos, con itinerarios orientados tanto á formación profesional como á aprendizaxe libre. As clases comezarán na primeira semana de setembro e permitirán aprender a tocar instrumentos como guitarra, baixo, batería, piano, teclados ou voz, ademais de acceder a formación en linguaxe musical, harmonía, produción e informática musical, entre outras materias. As clases inclúen tanto educación musical infantil (de 4 a 11 anos) como para adultos (a partires de 12 anos).

A escola ofrecerá dous itinerarios formativos. Por unha banda, o Plan Orientado a Profesionais está deseñado para aquelas persoas que queiran desenvolver unha formación musical completa e estruturada por cursos. O programa busca proporcionar as competencias necesarias para unha futura actividade laboral como músico e tamén preparar ao alumnado que queira continuar os seus estudos de grao medio ou superior.

Este itinerario combina a formación instrumental cos coñecementos teóricos necesarios para a práctica musical, incluíndo materias como harmonía, análise, fundamentos rítmicos ou composición.

Pola súa banda, o Plan Libre está pensado para persoas de calquera idade que simplemente queiran achegarse á música, aprender a tocar un instrumento ou ampliar os seus coñecementos sen seguir necesariamente un itinerario profesional.

A programación para adultos inclúe clases de voz, guitarra española e eléctrica, piano e teclados, baixo e batería. A oferta complétase con materias como linguaxe musical, harmonía, combo, produción e informática musical, coro, piano complementario e adestramento rítmico.

A escola tamén contempla formación específica para aquelas persoas que estean interesadas na preparación das probas de acceso aos graos medio e superior.

Música desde a infancia

Proarte contará igualmente cunha programación específica de educación musical infantil, deseñada para alumnado de entre 4 e 11 anos. A formación poderá desenvolverse ao longo de entre un e catro cursos, en función da idade de ingreso, das capacidades e dos coñecementos previos de cada alumno.

O obxectivo será introducir os máis pequenos nos fundamentos básicos da música mediante o desenvolvemento da percepción do ritmo e do tempo, a sincronización corporal a través do oído e o desenvolvemento das destrezas manuais relacionadas coa linguaxe musical.

Neste caso, a programación inclúe Música e Movemento, Linguaxe Musical, Orquestra Infantil e preparación para o acceso ao Grao Elemental.

Con esta nova proposta, o Centro Recreativo e Cultural de Redondela amplía a súa oferta formativa e incorpora un espazo dedicado á aprendizaxe musical adaptado tanto a quen busca unha formación especializada como a aquelas persoas que simplemente queren gozar da música e iniciarse na interpretación dun instrumento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará