O Concello de Redondela continúa a renovar distintos espazos públicos grazas ao traballo do alumnado do Obradoiro de Emprego Redondela Natureza. Os alumnos e alumnas das especialidades de carpintaría e de forestal e xardinería realizan actuacións tanto no casco urbano como nas parroquias, combinando a formación práctica coa mellora de infraestruturas e zonas naturais.
No módulo de carpintaría están a traballar na renovación do paseo do río Pexegueiro e do paseo do Monte da Telleira. As tarefas inclúen a limpeza e restauración das varandas, así como a fabricación de novo mobiliario urbano, entre o que haberá bancos, papeleiras e paneis informativos.
Outra das actuacións en marcha é a instalación dunha nova tarima no escenario do auditorio da Xunqueira. Ademais, o alumnado construirá e colocará un novo portón de madeira na torre de Pousadouro.
Pola súa banda, os participantes da especialidade de forestal e xardinería encárganse da limpeza e posta en valor da contorna dos xacementos arqueolóxicos de Monte Penide-Mirallo, ademais de realizar traballos na Coutada, en Quintela, e na Veiga da Moucheira, en Reboreda. Tamén levarán a cabo o mantemento e embelecemento de varias rotondas de acceso ao municipio, situadas en Cedeira, Rande, Vilar, Reboreda, Vilavella e Ernestina Otero.
O proxecto inclúe tamén unha vertente social. Na horta ecolóxica de Pousadouro cultívanse produtos que se doan a entidades sociais da zona. Ademais, no viveiro prodúcense plantas hortícolas, forestais e ornamentais que o Concello utilizará posteriormente para o mantemento das súas zonas verdes.
Desde o Goberno local destacan que este programa permite cumprir un dobre obxectivo: mellorar os espazos públicos para uso da veciñanza e ofrecer ao alumnado unha formación práctica en situacións reais de traballo.
O Concello xa prepara un novo obradoiro de emprego, “Talento Mozo de Redondela”, que comezará no mes de setembro. Estará dirixido a persoas de entre 18 e 30 anos e ofrecerá formación nas especialidades de albanelería e pintura, dous sectores con alta demanda de profesionais. Para participar será necesario estar inscrito como demandante de emprego e no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.









