Hoxe é Xoves 6 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Amorodo leva o hip hop en galego a Espaço Vivo

Amorodo2

O Espaço Vivo acolle este sábado 8 de agosto, ás 21:00 horas, a actuación de Amorodo, nun concerto que supón a primeira proposta de música urbana que programa este espazo gastronómico e cultural. A entrada funcionará mediante o sistema de billeteira inversa, cunha achega mínima recomendada de cinco euros, e ao remate da actuación celebrarase unha cea colectiva vegana de sete pratos, para a que é preciso reservar previamente.

O colectivo destaca que esta será a primeira vez que o escenario do Espaço Vivo reciba unha proposta centrada na cultura hip hop e rap. Amorodo chegará cun formato de directo integrado por dous MC, DJ e guitarra en vivo, nun espectáculo que combina a forza da música urbana coa interpretación en directo.

O artista presenta un proxecto que bebe do rap clásico dos anos noventa, pero que incorpora tamén influencias do trap e do reggaetón, sempre coa lingua galega como sinal de identidade. Lonxe de limitarse a un único estilo, Amorodo define a súa proposta como aberta e híbrida, mesturando diferentes referencias musicais cun discurso xeracional, directo e sen artificios.

Iniciou a súa traxectoria en 2018 e foi consolidando un son propio dentro da escena do hip hop galego. En 2023 publicou o EP OMSA (O Monstro Segue Aí), un traballo acompañado dun potente directo centrado nas inquedanzas e contradicións dunha xeración que procura a súa propia voz.

Despois dun período de silencio, regresou en 2025 coa publicación do EP Tregua, un disco no que combina unha maior madurez artística coa intensidade que caracterizou o proxecto desde os seus comezos. Esa evolución reflíctese tamén na nova xira, cun espectáculo no que alternan os momentos de maior contundencia con pasaxes máis pausadas e atmosféricas, favorecendo a conexión co público.

Tras o concerto, o Espaço Vivo organizará unha cea colectiva vegana composta por sete pratos, cun prezo de 24 euros por persoa. Tanto para participar na cea como para garantir praza no evento, debido ao aforo limitado, a organización recomenda realizar a reserva antes do 7 de agosto a través do teléfono 622 193 026 ou do correo electrónico artenaleira.gz@gmail.com.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará