Hoxe é Mércores 5 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Club de Tenis e Pádel de Redondela celebra os ascensos da tempada e prepara o VIII Aberto

WhatsApp Image 2026-07-30 at 13.51.48

Foto do equipo Feminino A de pádel que conseguiu o ascenso directo

O Club de Tenis e Pádel de Redondela fai un balance moi positivo da tempada, na que os seus equipos acadaron varios ascensos, consolidando o crecemento deportivo da entidade.  O balance deportivo chega ás portas dunha das citas máis importantes do calendario do club, o VIII Aberto de Tenis e Pádel Memorial Sesé López, que se celebrará entre o 19 e o 29 de agosto nas instalacións do Club de Tenis e Pádel de Redondela. O torneo reunirá xogadores e xogadoras de diferentes categorías de ambas modalidades.

No apartado feminino do pádel, o equipo A conseguiu manterse na categoría 500 das Series Nacionais e ascendeu a Segunda División na competición da Federación Galega. O equipo B protagonizou unha destacada progresión nas SNP, pasando do sétimo grupo ao primeiro de Future, onde caeu na final do playoff, ademais de lograr o ascenso a Terceira División na liga federada.

O equipo C completou a súa primeira campaña en competición federada. Aínda que non puido estrear o seu casilleiro de vitorias, desde o club destacan a evolución das xogadoras, que gañaron experiencia e confianza de cara á próxima tempada.

Nos equipos masculinos de pádel tamén houbo importantes éxitos. O conxunto A ascendeu con autoridade da categoría 500 á 1000 nas Series Nacionais, rematando con 21 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Ademais, conseguiu o ascenso de Terceira a Segunda División da Federación Galega tras superar no playoff ao Deza Pádel A, un rival que a pasada campaña competía na máxima categoría autonómica.

O equipo B tamén logrou subir de Cuarta a Terceira na categoría 500 das SNP, alcanzando os oitavos de final do playoff, mentres que na competición federada conseguiu manter a categoría tras unha tempada que o club cualifica de moi esixente.

No que respecta ao tenis, os equipos do Club de Tenis e Pádel de Redondela tamén obtiveron resultados destacados. O equipo Veteranas +40 Feminino de Primeira División e o Absoluto Masculino de Cuarta División proclamáronse campións das súas respectivas categorías.

Pola súa banda, o Absoluto Feminino alcanzou as semifinais e o Veteranas +35 Feminino chegou aos cuartos de final. Outros equipos lograron manterse en categorías de máximo nivel, aínda que tamén se produciron descensos nas categorías Veteranos +45 e Veteranos +55 masculinas.

VIII Aberto Memorial Sesé López

O bo momento deportivo do club terá continuidade coa celebración do VIII Aberto de Tenis e Pádel Memorial Sesé López do 19 ao 29 de agosto, unha competición xa consolidada no calendario deportivo local. No pádel haberá categorías masculinas, femininas e mixtas, mentres que no tenis disputarase nas modalidades de dobres masculino, feminino e mixto, ademais das categorías absolutas e veteranas. O torneo non terá competición os días 22 e 23 de agosto e reunirá xogadores e xogadoras de diferentes categorías de ambas modalidades.

A organización entregará trofeos aos campións e finalistas, ofrecerá un welcome pack para todas as persoas participantes  que tamén poderán disfrutar dun bo ambiente e do servizo da cantina.

 As inscricións permanecerán abertas ata o 9 de agosto ás 23.59 horas, con prezos reducidos para as persoas socias do club. O evento está organizado polo Concello de Redondela en colaboración co Club de Tenis e Pádel de Redondela  e co apoio da Deputación de Pontevedra.

Foto do equipo Masculino de Ténis
Foto do equipo Feminino A de Pádel
Foto do equipo de pádel Feminino B
Foto do equipo de pádel Masculino A
Equipo de padel Masculino B
Foto do equipo de pádel Feminino C
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará