Hoxe é Luns 17 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela impulsa o emprego xuvenil cun obradoiro de albanelería e pintura

531311259_1215165577077771_2682442448105875452_n

O programa “Talento Mozo de Redondela” arrancará en setembro cun investimento de máis de 502.000 euros, ofrecerá formación remunerada durante un ano e permitirá mellorar edificios públicos e rúas do municipio.

O Concello de Redondela porá en marcha en setembro o programa de formación e emprego “Talento Mozo de Redondela”, unha iniciativa dirixida a mellorar a inserción laboral da mocidade mediante un obradoiro de albanelería e pintura. Un total de 16 mozos e mozas, oito en cada especialidade, recibirán durante 12 meses formación teórica e práctica ao tempo que contarán cun contrato de traballo remunerado co Salario Mínimo Interprofesional (SMI). O proxecto conta cun investimento de 502.395,36 euros, dos que 483.995,36 euros corresponden á subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e 18.400 euros son achegados polo Concello.

A alcaldesa, Digna Rivas, salientou que o programa representa “unha gran oportunidade para que mozos e mozas constrúan o seu futuro profesional”, ao ofrecer formación en sectores con elevada demanda laboral como a construción e as reformas. A rexedora destacou tamén o dobre beneficio da iniciativa, xa que o alumnado “formarase cun soldo digno desde o primeiro día” mentres contribúe á mellora de edificios e espazos públicos de Redondela e Chapela. Pola súa banda, o concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, subliñou que o modelo combina aprendizaxe e experiencia laboral real, un aspecto clave para facilitar a incorporación ao mercado de traballo.

Ao longo do obradoiro, o alumnado realizará actuacións en inmobles municipais como a Casa da Cultura, a Casa do Concello, os edificios multiusos da Xunqueira e Chapela, o Conservatorio de Música, o Centro de Formación A Marisma ou a antiga estación de tren de Chapela, ademais de intervir en rúas do casco histórico. As persoas interesadas en participar deberán ter entre 18 e 30 anos, estar inscritas como demandantes de emprego e no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. As solicitudes poden presentarse nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia de Redondela ou Chapela.

Requisitos de participación e inscrición

Para formar parte do proceso de selección, a mocidade interesada debe ter cumpridos os 18 anos e non superar os 30. É imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia. Para a especialidade de Albanelería non se require ningunha previa. No caso de Pintura decorativa requírese a formación regulada mínima que permita o acceso a certificados de profesionalidade de nivel 2.

Todas as persoas que cumpran os requisitos e desexen participar deberán formalizar a súa solicitude o antes posible acudindo directamente ás oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia de Redondela ou de Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Boa iniciativa ao apostar por oficios que son moi demandados, con previsión de aumentar cargar de traballo por xubilacións.

    Sería interesante saber o porcentaxe de inserción laboral no ramo estudiado. A inserción laboral a un ano de rematar o Obradorio sería un bo indicador de análise da iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará