Foto de Javier Bas
O grupo municipal do Partido Popular acusa a PSOE, BNG e AER de “gobernar contra Redondela” tras o rexeitamento, no último pleno extraordinario, de tres mocións presentadas polos populares: a construción dun gran espazo cultural, a creación dun servizo municipal de extinción e prevención de incendios e a solicitude ao Ministerio de Transportes para acometer a mellora da estrada N-552 ao seu paso por Chapela. O portavoz popular, Javier Bas, sostén que se trata de iniciativas “de máximo interese xeral” que contan co apoio da maioría da veciñanza.
No referente ao proxecto cultural, o PP defendeu paralizar a construción do museo previsto polo goberno local na contorna da Marisma para impulsar un complexo que inclúa un auditorio, espazo museístico, conservatorio, biblioteca, Casa da Xuventude e locais para asociacións. Bas criticou que os grupos do goberno cualificasen a proposta de irrealizable e asegurou que Redondela é “o único gran concello da provincia” que carece dunhas instalacións destas características. Pola súa banda, o concelleiro Miguel Álvarez censurou tamén o voto en contra á creación dun servizo municipal de extinción e prevención de incendios, lembrando que, segundo o PP, a súa implantación está avalada por resolucións xudiciais e responde a unha obriga legal.
Os populares tamén lamentaron o rexeitamento da moción para instar ao Ministerio de Transportes a executar os compromisos adquiridos coa plataforma de afectados pola ampliación da AP-9 en Chapela, entre eles a reordenación dos accesos e a mellora da seguridade viaria na N-552 entre o Alto da Encarnación e o límite con Vigo. Javier Bas concluíu que PSOE, BNG e AER “sempre se unen para tumbar os grandes proxectos que precisa Redondela” e asegurou que serán os veciños os que decidan sobre este tipo de iniciativas nas próximas eleccións municipais.









