Hoxe é Mércores 15 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O TSXG avala o incremento da taxa do lixo de Redondela e desestima o recurso presentado polo PP

lixo-redondela

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de confirmar a legalidade da nova ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida, transporte e tratamento de residuos do Concello de Redondela, ao desestimar o recurso contencioso-administrativo presentado polo Grupo Municipal do Partido Popular. Os populares, quen decidiran recorrer á xustiza por entender que a suba aprobada polo goberno local supoñía un incremento “arbitrario e estratosférico” na taxa do lixo, valora agora cos seus servizos xurídicos os pasos a seguir, xa que contra a sentenza cabe recurso ante o Tribunal Supremo.

A sentenza considera que a actualización da taxa estaba xustificada, xa que as tarifas anteriores permanecían vixentes desde o ano 2008 e non reflectían nin a evolución dos custos do servizo nin a aparición de novas actividades económicas. O tribunal lembra ademais que a lei de residuos obriga ás entidades locais a implantar unha taxa que permita financiar integramente o servizo, evitando situacións de déficit.

O recurso do PP cuestionaba principalmente o método empregado polo Concello para calcular as cotas, ao entender que o estudo técnico-económico non motivaba suficientemente os coeficientes aplicados nin a utilización da superficie dos establecementos como un dos criterios determinantes da taxa. A formación popular defendía que este sistema incumpre o principio de “quen contamina paga”, ao non establecer unha relación directa entre a cantidade de residuos xerados e o importe que debe aboar cada contribuínte.

Entre os argumentos expostos figuraba que o estudo non explicaba a relación entre os metros cadrados dun local e a produción real de residuos. Tamén sostiñan que o Concello podía aplicar outros sistemas máis proporcionais, como clasificacións por actividade ou declaracións periódicas da xeración de residuos.

Con todo, a Sala conclúe que a existencia doutros métodos posibles non implica que o escollido polo Concello sexa arbitrario:

“Es cierto que puede haber otros criterios, también objetivos y válidos para establecer la tarifa, pero ello no implica que los criterios tomados en cuenta por parte de la empresa que determinó las bases por las cual fue aprobada la ordenanza sean criterios arbitrarios, simplemente son otros criterios igualmente válidos que los propuestos por la recurrente y más cuando los mismos se basan en datos objetivos dentro de la propia dificultad de fijar un parámetro realista ya que es imposible determinar individualmente por actividad cuantos residuos genera, todo ello sin olvidar que la generación de residuos crece cada año y supone un coste importante en un objetivo diseñado por la Union Europea de economía circular y reciclaje”.

A sentenza sinala que o estudo técnico se basea en datos achegados pola empresa concesionaria do servizo, nos custos de SOGAMA e no orzamento municipal, e considera acreditado que actualmente non existe unha infraestrutura que permita implantar un sistema de pago individualizado segundo o volume exacto de residuos producido por cada usuario ou actividade.

Como consecuencia, o TSXG desestima integramente a demanda presentada polo Grupo Municipal do PP de Redondela, confirma a validez da ordenanza fiscal aprobada polo Pleno municipal o 18 de decembro de 2024. Impón tamén as costas procesuais os denunciantes, o que podería supoñer un pago de ata 1.500 euros.

“Por todo ello no encontramos en la ordenanza ahora recurrida errores que conduzcan a la nulidad de esta todo ello sin perjuicio de la posibilidad que existan otros medios de determinación ya que en todo caso la actuación del Ayuntamiento debe servir al interés general y en este caso no existe arbitrariedad en la toma de la decisión sino en su caso la búsqueda del equilibrio presupuestario”.

A sentenza non é firme e contra ela cabe preparar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará