Foto de Marina Domínguez (cedida)
O Club de Remo de Chapela conta cunha nova adestradora á fronte do seu equipo feminino. Tras unha longa traxectoria como remeira no club, Marina Domínguez deu este ano o paso a adestradora nun momento clave para garantir a continuidade do proxecto. Cun grupo moi novo e con pouca experiencia en traiñeira, o equipo comezou a tempada con boas sensacións e sitúase xa entre os conxuntos máis competitivos da Liga Galega situándose no segundo posto da clasificación xeral.
Marina Domínguez (37 anos) explica como viviu este cambio de rol: “Este ano eu non ía remar, non entraba nos meus plans, pero ao final o club necesitaba axuda e aceptei dirixir o proxecto coa axuda e o impulso das compañeiras”. O corpo técnico completase coa experiencia da veterana Vera Montes (51 años) e de Luis Covelo.
Mostrase orgullosa de ser a primeira muller adestradora do club e espera abrir camiño no deporte as deportistas do futuro. Sinala a conciliación como o problema máis recurrente no deporte feminino, unha problemática que fai máis difícil facer crecer os equipos competitivos.
Domínguez fala da alegría que supón ver como as cousas cambian a mellor e cada vez hai máis mulleres en postos normalmente masculinizados.
Conta con case dúas décadas de experiencia e tras un parón de case dez anos por estudos e traballo, volveu coa pandemia. Viviu en primeira persoa o crecemento da entidade e os grandes éxitos do equipo feminino, tanto en bateis como en traiñeiras.“Xuntamos un bo equipo 2007/2008. A experiencia é un grao”, sinala.
A pesar de que a plantilla está formada na súa maioría por xuvenís e remeiras da canteira, os resultados están sendo moi positivos. “Para ser as que somos, a verdade é que os resultados están sendo moi favorables. Creo que temos marxe de mellora e estamos contentas”, afirmou.
Na clasificación xeral da Liga Galega de Traiñeiras, Chapela ocupa nestes momentos a segunda posición. “Sempre queres gañar. Sempre que compites intentas acabar no mellor resultado posible, pero hai que ser conscientes de quen somos e onde estamos. Se acabamos nun segundo posto, eu estou contenta, firmo. Oxalá sexa o primeiro, pero está máis complicada a cousa”, explica sobre os obxectivos da tempada.
Este domingo disputarán a terceira regata coa II Bandeira Feminina Concello de O Grove, nunha proba con particularidades: catro longos máis curtos en vez dos dous habituais. “É o formato de regata que debería de facerse máis, porque é moito máis entretido, tanto para o público como para nós”, valora Marina.
LOGROS DO EQUIPO FEMININO AO LONGO DOS ANOS
Ao longo da súa traxectoria, o equipo feminino acadou importantes éxitos deportivos. Entre eles destacan os numerosos títulos nos Campionatos Galegos de Bateis, así como os oito Campionatos de España conquistados nos anos 2008, 2009, 2011, 2015, 2021, 2022, 2024 e 2025.
Na última tempada (2026), o equipo proclamouse subcampión de España de Bateis, quedando a tan só 26 centésimas de segundo das gañadoras, San Xoán (País Vasco), nunha final moi igualada.
Ademais, o equipo foi campión da Liga Galega de Traiñeiras nas tempadas 2023, 2024 e 2025, consolidándose como un dos referentes da competición.
Cómpre destacar tamén a traxectoria de Marina e Vera, que conquistaron dúas edicións da Regata Feminina da Bandeira da Concha (2008 e 2009), formando parte da tripulación de Rías Baixas, integrada por remeiras de tres clubs galegos. Nese mesmo ano 2009, esta tripulación proclamouse tamén campioa da Liga Euskotren.












