San Simón volverá converterse este verán nun dos escenarios culturais e musicais máis singulares de Europa coa celebración da décimo sexta edición do Sinsal SON Estrella Galicia, que terá lugar do 24 ao 26 de xullo no marco da programación dos Concertos do Xacobeo. O festival fará da Illa un espazo de encontro entre música contemporánea, patrimonio histórico e natureza, mantendo como principal sinal de identidade un cartel secreto que o público só descubrirá ao desembarcar na illa.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román destacou que “este formato exclusivo converte cada edición nunha experiencia irrepetible e consolidou o Sinsal como un dos festivais máis recoñecidos do panorama estatal”. De feito, o evento figura entre os dez mellores festivais de España segundo o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, sendo o único festival galego presente nesta clasificación.
Durante os tres días na Illa de San Simón, o público poderá descubrir ese cartel caracterizado pola diversidade artística, pola presenza de proxectos internacionais e polo descubrimento de novas formacións que, en moitos casos, actuarán por primeira vez en Galicia e mesmo en España.
A programación completarase co ciclo Descubre San Simón, que ofrecerá itinerarios e actividades para achegar ás persoas asistentes a historia, a memoria e o patrimonio natural dun dos espazos máis emblemáticos da ría de Vigo. “O Sinsal demostra que un festival pode converterse nunha ferramenta para descubrir o territorio, poñer en valor o patrimonio e ofrecer unha experiencia cultural sostible e de alta calidade”, destacou o comisario do Xacobeo 2027, quen lembrou que “esta capacidade para integrar cultura, turismo e identidade é un dos grandes valores que promovemos desde os Concertos do Xacobeo”.
O Sinsal SON Estrella Galicia consolídase neste 2026 como unha das citas máis singulares do calendario cultural galego e un magnífico escaparate da capacidade de Galicia para acoller eventos internacionais que combinan innovación, sustentabilidade e excelencia artística.
Un festival que medra sen perder a súa identidade
A principal novidade desta edición é a ampliación da programación máis aló da Illa de San Simón. O festival estenderase tamén á fin de semana do 31 de xullo ao 2 de agosto, cunha serie de propostas en Vigo, Oia e Braga que permitirán seguir o fío do Camiño Portugués, reforzando así os vínculos culturais entre Galicia e Portugal.
Esta programación expandida arrincará o 31 de xullo cunha proposta en Braga arredor do festival Semibreve, un percorrido para descubrir os espazos e a identidade dun dos principais eventos de música electrónica, arte sonora e dixital de Portugal. Ese mesmo día, Vigo acollerá a estrea en Galicia de Las Nietas del Charli e a actuación de María Rodés. O 1 de agosto, o Museo do Mar de Galicia será escenario dunha nova cita de cartel secreto, mentres que o 2 de agosto o Mosteiro de Oia acollerá o concerto de clausura a cargo de Alondra Bentley, poñendo o broche final a unha edición que amplía horizontes.









