Hoxe é Martes 30 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela porá en valor o comercio local a través do Camiño de Santiago

redondela no camiño

A campaña “Redondela no camiño” promovida pola Asociación de Empresas inclúe a celebración dunha feira de artesanía, gastronomía e comercio local nun espazo común tematizado co espírito do Camiño. O epicentro das actividades será Vilavella e incorporará tamén un pasaporte comercial que permitirá obter selos, acceder a vantaxes e participar en sorteos, incentivando o retorno de visitantes e peregrinos ao longo do ano e reforzando a fidelización coa vila.

A Xunta de Galicia vén de outorgar ao centro comercial aberto de redondela esta campaña extraordinaria para poñer en valor o comercio local a través do Camiño de Santiago. A proposta presentada pola Asociación foi recoñecida polo goberno galego como unha das mellor valoradas da convocatoria 2026, destacando “a posición estratéxica de Redondela como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa”.

O epicentro das actividades será Vilavella, espazo que conserva a esencia da antiga vila medieval, presidido polo seu convento e vinculado aos oficios tradicionais e aos mercados que deron vida ao comercio local. A súa relación histórica con Vilanova, separada polo río que durante séculos marcou a fronteira natural entre ambos barrios, forma parte do relato da campaña: dúas comunidades irmás unidas por intercambio comercial, convivencia e evolución urbana.

Este diálogo entre pasado e presente convértese nun eixo narrativo da iniciativa, recuperando a memoria colectiva e devolvendo protagonismo a un espazo que foi clave na configuración da identidade redondelá.

A campaña incluirá accións que poñen en valor a historia comercial da vila e a súa relación co Camiño, mediante exposicións, intervencións creativas e contidos divulgativos que permitirán redescubrir o patrimonio local e conectar á veciñanza, visitantes e peregrinos coa identidade de Redondela.

Durante unha fin de semana -previsiblemente en setembro- celebrarase unha feira que reunirá artesanía, gastronomía e comercio local nun espazo común tematizado co espírito do Camiño. O obxectivo é ofrecer unha experiencia atractiva que combine compra, lecer e cultura, favorecendo a participación da cidadanía e atraendo novos públicos.

Pasaporte do Camiño

A campaña incorporará un pasaporte comercial que permitirá obter selos, acceder a vantaxes e participar en sorteos, incentivando o retorno de visitantes e peregrinos ao longo do ano e reforzando a fidelización coa vila.

Con esta campaña extraordinaria, Redondela reivindica a súa posición estratéxica no Camiño Portugués e nace coa vocación de consolidarse como un evento de referencia no ámbito comercial e turístico vinculado ao Camiño de Santiago, chamado a impulsar o comercio local e a proxectar a vila como destino comercial, cultural e turístico de referencia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará