Hoxe é Luns 22 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O litoral redondelán, espazo privilexiado para observar a eclipse solar

polaris

A lúa, a terra e o sol aliñaranse o vindeiro 12 de agosto para ofrecer todo un espectáculo planetario. Falamos da eclipse solar que se poderá ver en diferentes puntos da península e que tamén poderemos observar dende a nosa bisbarra. A praia de Cesantes ou o mirador de Cedeira serán algúns dos puntos que proporcionarán un bo visionado. A Asociación de Astrofotografía Polaris destaca a relevancia deste acontecemento e como antesala deste fenómeno, promove a exposición Luces na escuridade, unha mostra que pode visitarse ata o 27 de xuño en Afundación Vigo e que achega ao público os segredos das eclipses e da astrofotografía.

Alejandro Rodríguez e Leticia Pereira están á fronte da Asociación Polaris, unha entidade que reúne máis de vinte persoas afeccionadas á fotografía e á astronomía. Ambos destacan a importancia deste eclipse solar como o “acontecemento máis relevante da última década” e animan á cidadanía a non perder a oportunidade de observalo. Rodríguez explica que, aínda que na nosa contorna non poderá observarse na súa totalidade, acadará arredor dun 99 % de ocultación do Sol, converténdose nun espectáculo excepcional que poderá contemplarse desde diferentes puntos do concello.

Para desfrutar do fenómeno nas mellores condicións, recomendan escoller zonas elevadas ou costeiras cun horizonte completamente despexado. Espazos como a praia de Cesantes ou o miradoiro de Cedeira ofrecen unha perspectiva privilexiada para seguir a eclipse.

Iso si, lembran a necesidade de extremar as precaucións. É imprescindible empregar gafas homologadas para a observación solar, que poden adquirirse por un prezo aproximado de tres euros e permiten contemplar o eclipse sen risco para a vista.

Rodríguez anima tamén a vivir a experiencia con atención ao que acontece arredor: “É un momento para observar non só o ceo, senón tamén como reacciona o ambiente e incluso os animais ante a diminución da luz”.

Como antesala deste gran acontecemento, desde Polaris convidan ás persoas afeccionadas á astronomía a visitar a exposición “Luces na escuridade”, aberta ata o 27 de xuño na sede de Afundación en Vigo, en horario de 17:30 a 20:30 horas.

A mostra permite descubrir o que se agocha tras un eclipse e achegarse ao universo a través das imaxes captadas por diferentes astrofotógrafos especializados en retratar o cosmos. A exposición inclúe tamén parte do proxecto “Mulleres Astrofotógrafas”, que xa pasou por diversos espazos de referencia en Barcelona e Francia. A iniciativa pretende visibilizar o traballo das mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado e promover a igualdade de xénero na ciencia.

En palabras de Leticia Pereira, cofundadora da Asociación Polaris, “máis aló do que os nosos ollos poden ver, esta exposición amosa a precisión técnica e o coñecemento científico necesarios para capturar o universo profundo. É unha oportunidade única para comprender como se retrata o cosmos”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará