As actividades realizaranse ao longo do mes de xullo con disciplinas como intelixencia artificial, iniciación a DJ, edición audiovisual, pintura mural ou artesanía en coiro. As clases son gratuítas, impartiranse en horario de 10:00 a 13:00 horas e están dirixidas a maiores de 12 anos.
O Concello de Redondela pon en marcha o programa ‘Lab Xove Redondela’, unha alternativa de lecer educativa, creativa e tecnolóxica deseñada para a mocidade do municipio durante as vacacións de verán. O proxecto desenvolverase ao longo do vindeiro mes de xullo en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas. O programa está dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos que queiran explorar novas habilidades artísticas e dixitais.
O espazo principal das actividades será o Multiúsos da Xunqueira, aínda que tamén se contemplan outras localizacións. Cada día da semana impartirase unha actividade. Así os luns haberá percusión corporal e Iniciación a DJ, os martes clases de artesanía en coiro, os mércores edición de vídeo e foto, os xoves ferrramentas de intelixencia artificial (IA) e os venres pintura mural e Comunicación dixital.
O prazo para apuntarse a estes cursos abre hoxe venres 19 de xuño. A adxudicación de prazas realizarase por orde de rexistro ata completar o aforo dispoñible. Co obxectivo de garantir a calidade didáctica de cada obradoiro, os grupos serán reducidos: estableceuse un máximo de 15 persoas e un mínimo de 7 persoas por curso. As solicitudes de inscrición tramitaranse a través das canles habituais habilitadas polo Concello de Redondela
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que con esta nova programación “ofrecemos un programa alternativo gratuíto, dinámico e moderno onde a mocidade redondelá pode espertar novas vocacións, aprender divertíndose e compartir experiencias”.








