As praias da Punta e Arealonga, en Redondela, permanecen actualmente sen servizo de socorrismo debido á suspensión do contrato de salvamento tras a presentación dun recurso administrativo contra a súa licitación.
O Concello informou de que a impugnación presentada obriga a paralizar o procedemento ata que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) emita unha resolución. Mentres non se resolva este trámite, non poderá entrar en funcionamento o dispositivo de vixilancia e salvamento previsto para os areais.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que o goberno local está condicionado polos prazos legais do tribunal e asegurou que se acelerarán todos os trámites necesarios para poñer en marcha o servizo “o máis rápido posible” unha vez exista unha resolución firme.
A situación prodúcese ao inicio da tempada estival, polo que as praias da Punta e Arealonga carecen nestes momentos de socorristas, malia o incremento habitual da afluencia de bañistas nestas datas.
Pola súa banda, o servizo municipal de limpeza de praias comezou a funcionar con normalidade este luns e manterase operativo ata o 15 de setembro. O dispositivo actúa en seis areais do municipio e inclúe tamén a limpeza de paseos marítimos, accesos, zonas verdes, aparcadoiros e áreas infantís.
Concretamente as praias de A Punta, Arealonga e Penedos disporán dun servizo de mantemento diario e tamén se fará reforzo noutros areais, os de Soutoxuste e Rande contarán con limpeza tres días á semana, mentres que a praia de Cabanas (Trasmañó) limparase dúas xornadas por semana.
O Concello subliña que as tarefas de mantemento se realizan seguindo criterios de protección ambiental e que a retirada de algas e restos vexetais faise manualmente para preservar o equilibrio do ecosistema litoral.









