A Deputación de Pontevedra concederá preto de 400.000 € ao Concello de Soutomaior para corrixir o erro do anterior goberno provincial na valoración da reforma das rúas Portas e Lavandeira, en Arcade, para optar a fondos do PON2030. Esta concesión responde ao fallo xudicial que rexeitou a decisión do goberno bipartito da Deputación e ditamina que o organismo debe facer fronte a esta actuación nestas dúas rúas de Soutomaior.
Tanto na rúa Porta como na Lavandeira, en Arcade, xerarase un espazo de prioridade peonil, reducindo a presenza de vehículos ao mínimo imprescindible para dar servizo a emerxencias e aos residentes, limitando tanto os vehículos que poden acceder como a súa velocidade a un máximo de 10km/h. Trátase de adaptar ámbolos dous espazos para convertelos en espazos peonís tendo, ademais, en conta que se trata de dúas rúas polas que atravesa o Camiño de Santiago.
Con esta concesión, o goberno de Luis López acaba de aprobar os recursos que pertencían e lle foran negados polo anterior goberno da Deputación ao Concello de Soutomaior, ao non valorar correctamente o proxecto presentado ao PON2030 polo tamén anterior goberno local da vila, gobernado polo PP.
Do mesmo xeito que tamén aconteceu co proxecto de humanización da praza de Cimadevila e da rúa Rosalía de Castro, presentado aos fondos do Plan ReacPon, que foi rexeitado polo goberno liderado por Carmela Silva cando gobernaba en Soutomaior Agustín Reguera e que tamén foi reclamado ante a xustiza cun fallo a favor de Soutomaior e emendado polo actual goberno da Deputación, destinando outros 350.000 euros para facer fronte a esta actuación.









