A mobilización terá lugar este martes con saída dende o centro de saúde ás 20:00 horas e percorrido ata o Concello. A plataforma en defensa da sanidade pública de Redondela denuncia lista de agarda de máis de 20 días, recurtes materiais e humanos e o peche da quenda de tarde no verán. Aseguran ademais que a Xunta oculta máis da terceira para das persoas que se atopan nas listas de agarda para atención especialixada “con demoras maiores que antes da pandemia”.
A Asemblea pola Sanidade convoca a toda a cidadanía de Redondela a unha manifestación o mañá martes 9 de xuño ás 20:00 horas. A marcha partirá desde o centro de saúde local e rematará ante o concello. O motivo é denunciar a crise sen precedentes e o desmantelamento que sofre a atención primaria de xeito continuado.
Lembran a necesidade de se movilizar ante a “situación límite” que atravesa a atención médica no municipio. Desde o pasado mes de abril, o centro de saúde de Redondela sofre a falta de 6 médicos dun total de 14 profesionais o que se traduce en listas de espera inasumibles que superan os 20 días.
A situación agrávase coa chegada do período estival polo peche da quenda de tarde durante os meses de verán, unha medida que se executará sen aplicar ningún tipo de reforzo no Punto de Atención Continuada (PAC).
Doutra banda, a organización alerta de que as listas de agarda na atención especializada están manipuladas. Aseguran que se oculta a máis da terceira parte das persoas en espera. As demoras actuais son maiores que antes da pandemia, un problema que se viu agravado pola folga de facultativos.
Chamamento á mobilización.
Ante este “desmantelamento planificado”, a Asemblea pola Sanidade esixe un xiro radical nas políticas sanitarias, o incremento inmediato do orzamento e a dignificación das condicións laborais dos profesionais para frear a perda de persoal.
Por todo isto, a plataforma fai un chamamento unánime a toda a poboación de Redondela, Chapela, Pazos de Borbén e de Fornelos de Montes e os colectivos sociais e profesionais do sector para saír á rúa o vindeiro martes 9 de xuño ás 20:00 horas.









