Hoxe é Venres 5 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Investigado un condutor en Chapela tras intentar fuxir da Policía, conducir sen carné e sen ITV e dar positivo en drogas

poli

A Policía Local de Redondela investiga a dous condutores por presuntos delitos contra a seguridade viaria tras dous incidentes rexistrados durante a madrugada deste venres nos núcleos de Chapela e Cesantes. No primeiro dos casos, os axentes deron o alto a un vehículo en Chapela. Segundo informou a Policía Local, o condutor intentou fuxir da intervención policial, aínda que finalmente foi interceptado grazas á actuación coordinada de tres patrullas. Unha vez identificado, comprobouse que carecía de permiso de condución en vigor e que deu positivo nas probas indiciarias de detección de drogas.

Ademais, o vehículo circulaba sen a inspección técnica (ITV) e sen seguro obrigatorio en vigor, polo que o condutor foi tamén sancionado administrativamente. Durante o rexistro efectuado polos axentes interveuse un puñal e diversas substancias estupefacientes.

O segundo suceso produciuse en Cesantes. Neste caso, un vehículo foi interceptado inicialmente por axentes da Policía Nacional e posteriormente investigado pola Policía Local. O seu condutor obtivo resultados de 0,80 e 0,83 miligramos por litro de aire espirado nas probas de alcoholemia, unhas taxas que superan amplamente o límite establecido pola normativa vixente e que poden constituír un delito contra a seguridade viaria.

Ambos os dous condutores foron citados para a celebración de xuízos rápidos nos Xulgados de Redondela, onde deberán responder polos feitos que se lles atribúen.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará