As Burras e as penlas cumpriron coa tradición e na xornada de onte participaron na tan esperada Danza das Espadas baixo a atenta mirada de centos de persoas que ateigaron o centro da vila. Hoxe venres o relevo será para a música máis cañera. O Campo da feira encherase esta noite de música rock coa participación das agrupación Los Ásperos, Chocolate Sexy, Nocheny, Vértice e Dassault. Un escenario que acollerá tamén a actuación de El Drogas, coñecido popularmente por ter sido durante case trinta anos cantante da banda de rock Barricada. A música comezará a soar ás 20:00 horas.
A programación das festas da Coca continúa logo de que onte se vivira o día grande da celebración coas rúas cheas de alfombras florais. Un manto floral polo que se desprazou a procesión do Corpus Cristi que cumpría así unha tradición na que elementos relixiosos e pagáns van da man.
Malia as precipitacións do día anterior que puxeron en risco a elaboración das alfombras, finalmente o traballos de centos de alfombristas e axudantes fixo posible que este xoves o público puidese gozar deses tapices. Os milleiros de persoas que se achegaron na mañá de onte ao centro da vila seguiron tamén con entusiasmo e expectación da tradicional Danza das espadas e as Penlas, tanto na praza da Casa da Torre como na Praza da Constitución.
Programación Coca, Sábado 6 de xuño
• 11:00 h. Alborada coa Banda de Música de Arcade.
• 18:00 h. Concerto da Banda de Música de Arcade na Alameda de Castelao.
• 22:00 h. Concerto da Orquestra Los Players no Campo da Feira.
• 01:00 h. Concerto de Marc Seguí no Campo da Feira.
• 02:30 h. Sesión DJ con Rodri Vegas no Campo da Feira.
• Durante a noite: Elaboración das Alfombras Florais nas rúas de Vilavella.
Programación Coca, Domingo 7 de xuño
• 10:00 h. Alborada coa Banda de Música de Chapela.
• 12:00 h. Desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños co grupo O Carballo das Cen Pólas.
• 12:00 h. Misa na Igrexa de Vilavella.
• 13:00 h. Procesión en Vilavella, Danza das Espadas e das Penlas e Baile de homenaxe na Praza de Ribadavia.
• 18:00 h. Concerto da Banda de Música de Chapela na Alameda de Castelao.
• 19:00 h. Actividade familiar: Patina na Rúa na pista da Xunqueira.
• 21:30 h. Fin de festa coa Orquestra París de Noia no Campo da Feira.

















