Hoxe é Venres 5 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O IES Pedro Floriani denuncia calor extrema nas novas aulas tras unha ampliación de 2 millóns de euros

pedro floriani

“Un inverno con frío e goteiras e un verán no que non se aguanta a calor” esa é a situación que denuncia a comunidade educativa do IES Pedro Floriani. Reclaman á xefatura e a consellería de ensino que comprometan solucións urxentes ante unhas deficiencias nun centro cunha ampliación inaugurada hai apenas 8 meses.

A Anpa do IES Pedro Floriani e o conxunto da comunidade educativa denuncia as condicións térmicas sufridas nas aulas durante a vaga de calor vivida na última semana de maio e inicio de xuño, e mostran unha gran preocupación polo que pode suceder nas próximas semanas e no inicio do curso próximo.

As elevadas temperaturas rexistradas no interior dalgunhas dependencias obrigaron a interromper nalgúns casos a actividade lectiva, atender alumnado afectado polo exceso de calor e reubicar grupos desde as aulas máis expostas á orientación leste cara a espazos máis protexidos.

Esta situación puido ser xestionada grazas á dispoñibilidade dalgunhas aulas de Bacharelato liberadas pola proximidade do final de curso, pero alertan que esta solución provisional non será viable ao comezo do próximo curso escolar, cando a elevada ocupación do centro e a falta de espazos impedirán realizar cambios.

A comunidade educativa considera especialmente preocupante que unha ampliación recentemente inaugurada e executada cun investimento público de dous millóns de euros presente xa problemas tan evidentes de confort térmico, que afectan directamente ao benestar do alumnado e ás condicións necesarias para o desenvolvemento normal da actividade educativa. No inverno houbo frío e goteiras no centro e agora un exceso de calor, o que evidencia carencias de confort non compatibles co normal desenvolvemento das clases en aulas que chegan a ter máis de 30 alumnos.

O incremento das temperaturas extremas e a ampliación do calendario escolar fan imprescindible adaptar os centros educativos a esta nova realidade, garantindo unhas condicións mínimas de benestar para alumnado e profesorado. Cabe resaltar que os centros educativos son dos poucos edificios públicos sen climatización, cuestión que tamén debería facer reflexionar á Xunta á hora de adoptar este tipo de medidas e de avaliar as súas consecuencias.

Aulas como a de Tecnoloxía dispoñen de amplos ventanais orientados ao leste, unha circunstancia que provoca temperaturas moi elevadas no seu interior e dificulta o desenvolvemento normal das clases nos días de máis calor.

Este problema súmase a outras deficiencias detectadas desde a posta en funcionamento da ampliación. Entre elas destaca a falta de adaptación da instalación de calefacción á nova superficie construída, unha circunstancia que xa xerou múltiples problemas durante os meses máis fríos do curso e que evidencia unha insuficiente planificación das necesidades do centro.

A maiores, a actuación executada deixou sen resolver a situación do pavillón deportivo. Que presenta numerosas goteiras e deficiencias que limitan o uso por parte do alumnado do centro. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará