Hoxe é Mércores 3 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Isaac Otero: “O CD Cesantes vive un momento doce”

WhatsApp Image 2026-06-03 at 19.21.47

O Club Deportivo Cesantes pecha unha tempada moi positiva, co equipo sénior masculino disputando os play-offs de ascenso á Segunda Futgal e un notable avance en todas as seccións do club.

O seu presidente, Isaac Otero, fai balance: “O balance que se pode facer é moi bo. Estamos moi contentos co sénior porque a seriedade que se lle deu este ano foi incrible”. O equipo rematou segundo no grupo de Pontevedra, moi preto do ascenso directo, e agora loita nos play-offs. “Estivemos preto do ascenso directo, pero malia os últimos resultados contra o Villamarín, estamos contentísimos”, sinalou.

Entre os puntos fortes do equipo, destacou o equilibrio do cadro de xogadores: “Temos a David, que de cara a portería fixo unha tempada espectacular, con 43 goles e proclamándose máximo goleador da liga. Todos recordamos os dez tantos que marcou fronte ao Santomé. Pero o mérito do equipo non está só no ataque: atrás amosa unha gran solidez con Iván como gardameta, mentres que no medio do campo conta cun grupo moi equilibrado, con futbolistas como Roi e incorporacións recentes como Lucas. En conxunto, é un equipo moi compensado e, na miña opinión, cun nivel superior”.

O club mantén unha clara identidade local: “A plantilla practicamente case toda é de Redondela. Iso nótase, rapaces case da mesma idade que se coñecen e que xogaron xuntos noutros equipos. Ao final, o club é un sentimento e dou grazas polo compromiso que teñen estes rapaces, porque non é doado”.

Un dos principais problemas segue sendo o estado do campo municipal da Gándara. “O campo segue nas mesmas ou peores condicións, as fochancas son cada vez máis grandes. Estamos esperando a que se executen os 469.280 euros destinados á reforma integral aprobada polo goberno local, pero mentres temos que tirar e intentar facer o mellor posible. O campo é o noso fortín”, explicou Otero.

Como presidente entrou coa tempada xa comezada, pero conta cunha longa traxectoria no club: “Levo 15 anos involucrado. Empecei a xogar cando ascendemos a Segunda e o campo era de terra”. Destacou a labor da directiva ao completo: “Teño xente que traballa un montón polos nenos e polos xogadores”.

Sobre as opcións de ascenso, Otero mostrouse optimista: “Nunca se sabe o que pode pasar, pero eu teño moita fe nestes rapaces. Estou convencido de que imos chegar ata a final”. O formato da promoción dispútase a dobre partido. O equipo xa superou ao Catoira na eliminatoria anterior e empatou co Vilanova no encontro de ida das semifinais. A volta disputarase o vindeiro sábado 6 de xuño na Gándara, onde o conxunto contará co apoio da súa afección, chamada a exercer de “xogador número 12”. Desta eliminatoria sairán os finalistas que loitarán polo ascenso nunha última rolda, que tamén se xogará a dobre partido.

O club mira xa á próxima tempada con ambición. Queren consolidarse na Segunda se ascenden e seguir crecendo na base, onde xa contan con preto de 180 licencias. Otero definiu o momento actual como “moi doce”: “Somos como unha familia, queremos facer as cousas diferentes, que todos teñamos as mesmas oportunidades de xogar ao fútbol e que se sintan como na casa”.

O equipo sénior Feminino milita na liga de Fútbol 7 e consolídase outro ano con proxección de futuro e “apostando polo deporte feminino”. Rematan unha liga longa cos dous últimos partidos contra o San Adrián e o Salvaterra.

Otero tamén puxo en valor a tempada do equipo de veteranos, ao que definiu como un exemplo dentro do club. “Son campións de liga, perdendo só dous partidos en toda a tempada. Conseguiron o ascenso a Segunda e agora están nos cuartos de final da Copa, sendo ademais o único equipo de Terceira que continúa na competición”, destacou. O presidente atribuíu boa parte deste éxito ao traballo de Toniño, histórico directivo da entidade. Ademais, resaltou o potencial ofensivo do equipo, encabezado por Rubén Sisto, tamén integrante da directiva. “Se no sénior temos a David, que marcou 43 goles, nos veteranos contamos cun dianteiro como Rubén, que leva 36. É outro fóra de serie que axuda moitísimo ao equipo a conseguir estes resultados”, conclúe.

O club mantén as portas abertas para novos xogadores ata finais de xuño mentres organiza o torneo internacional benéfico San Simón Cup 2026, en colaboración coa Asociación Bicos de Papel.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará