Antonio del Río, Francisco Sánchez, Digna Rivas e Rita Pérez.
O Concello de Redondela acollerá o vindeiro mércores 27 de maio os actos centrais da celebración de San Honorato 2026, patrón dos panadeiros, panadeiras e pasteleiros de Pontevedra. A Casona da Torre converterase no epicentro dunha xornada que reunirá a máis dun cento de profesionais do sector e que combinará formación, divulgación, recoñecementos e un peche festivo.
A alcaldesa, Digna Rivas, xunto co presidente da Asociación Provincial de Industriais Panadeiros e Pasteleiros de Pontevedra (APROINPPA), Francisco Sánchez, o secretario Antonio del Río e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, presentaron os detalles do evento. Rivas agradeceu á asociación a elección de Redondela como sede e salientou o profundo arraigo do oficio do pan no municipio.
A xornada comezará con actividades abertas a todo o público. Ás 12:15 horas, o alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo realizará unha exhibición práctica ou Showcooking de panadería e pastelería, co obxectivo de poñer en valor a formación e o relevo xeracional. Ás 13:00 horas, o xornalista, autor e gran divulgador da cultura do pan, Ibán Yarza, impartirá unha conferencia. Yarza é unha referencia estatal en redes sociais e medios, coñecido pola súa especialización no mundo do pan, tanto industrial como artesanal, e polas súas conferencias por toda España.
As actividades da tarde estarán reservadas principalmente aos socios, cunha posta en escena que inclúe un menú degustación e, especialmente, os tradicionais recoñecementos profesionais.
Entre os homenaxeados destaca, a título póstumo, o redondelán Rubén Troiteiro, da Panadería Nosa Señora da Peneda (parroquia do Viso), un negocio familiar que chega á quinta xeración e que representa “un referente de traballo e bo facer”, segundo salientou a alcaldesa.
Digna Rivas puxo especial énfase no recoñecemento ás mulleres do sector: “Foron o motor invisible que sostiña os fornos e sen o seu traballo non se entendería a excelencia da nosa terra. Na panadería, como en moitos outros ámbitos, as mulleres estiveron moitas veces invisibilizadas. Un traballo moi árduo, físico e esencial, que permitiu levantar negocios e manter tradicións. Creo que é moi importante darlles esa visibilidade que merecen”.
Francisco Sánchez explicou a traxectoria da asociación, que naceu como Asociación Provincial de Panadería e que en 2007 se fusionou coa de pastelería para reflectir a realidade actual do sector. A asociación conta actualmente con arredor de 130 socios e hoxe o reto é manter esa unidade: “A gran labor que temos é atraer aos profesionais. Ofrecemos unha escola de panadería na nosa sede de Vigo, con obrador completo, fornos industriais e maquinaria, onde impartimos cursos básicos para persoas que queren incorporarse ao oficio e cursos de especialización. Os profesores son profesionais en activo, co que a formación é moi práctica e actual”.
Sánchez recoñeceu os desafíos do sector, como a dificultade para atraer man de obra cualificada e a necesidade de que o traballo artesanal estea mellor valorado economicamente: “Un oficio manual como este debería permitir unha retribución atractiva. Os traballos manuais son insustituibles e volverán a ter o valor que merecen”.
A xornada rematará cun peche festivo a cargo dos cómicos Pedro Galocha e Jonathan Seoane.
Digna Rivas invitou a toda a cidadanía e aos colectivos de Redondela a participar nas actividades abertas: “Redondela é referente en gastronomía coa Festa do Choco e tamén ten moi boas panaderías con sona. Este evento axuda a poñer en valor o noso pan e o noso sector”.









