O Club de Tiro con Arco Meigarco de Redondela regresou con excelentes resultados da súa participación na IV Tirada da Liga do Minho, celebrada o pasado 10 de maio, onde os arqueiros e arqueiras da entidade lograron destacados resultados en distintas categorías e modalidades de distancias descoñecidas.
José M. Rodríguez asinou unha brillante actuación en Compound Sénior Home, proclamándose vencedor da súa categoría. Pola súa banda, Alejandro López tamén conseguiu subir ao podio tras acadar a terceira posición en Barebow Sénior Home.
Os éxitos continuaron nas probas de longbow. Mel Sanjorge logrou a primeira posición en Longbow Sénior, mentres que Jesús de Arcos finalizou quinto en Longbow Veterano.
Na modalidade Tradicional Sénior Feminina, o dominio foi especialmente salientable para Meigarco. Raquel Domínguez proclamouse campioa, mentres que a debutante Violeta Peitieiros sorprendeu cunha meritoria segunda posición no seu estreo competitivo. Tamén en Tradicional Veterano Masculino houbo presenza no podio grazas ao terceiro posto de José Norberto Bermejo.
Ademais destes resultados internacionais, o club tamén vén de completar unha destacada actuación na terceira xornada da Liga Galega de Aire Libre, disputada en Narón os días 25 e 26 de abril, onde os seus arqueiros acadaron un total de seis medallas: tres ouros, dúas pratas e un bronce. O próximo reto para os deportistas de Meigarco será este sábado no Campionato Galego de 3D, que se celebrará en Pontevedra.









