A XXVII edición do Festival Internacional de Títeres, unha das citas culturais máis consolidadas de Galicia arredor do teatro de monicreques, arranca hoxe cun programa que ofrecerá un total de 60 actividades da man de máis de 20 compañías chegadas de diferentes puntos do planeta. O espectáculo A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica de Tanxarina Títeres, recentemente recoñecido como mellor espectáculo de monicreques nos Premios María Casares, será o encargado de abrir esta edición ás 20:00 horas de hoxe luns no Multiúsos da Xunqueira.
A función inaugura a programación de sala que se desenvolverá no Multiúsos e que ao longo da semana reunirá propostas chegadas de Galicia, Cataluña, Euskadi, Castela e León, ademais de compañías internacionais procedentes de Italia, Francia, Portugal, Uruguai e Arxentina.
O festival, Memorial Juanjo Amoedo, contará con máis de 60 funcións e actividades e a participación de máis de vinte compañías, combinando espectáculos de interior, programación de rúa, música, instalacións participativas e exposicións.
Entre os nomes destacados desta edición figura tamén o veterano titiriteiro Jordi Bertrán, que será o encargado de pechar o festival coa súa obra Clàssic. Como novidades chegan propostas como Teatro dei Piedi ou Gloria Bendita, esta última cun espectáculo dirixido a público maior de 14 anos.
A programación intensificarase especialmente durante a fin de semana, cando as rúas e prazas de Redondela se enchan de monicreques, espectáculos itinerantes e actividades gratuítas para todos os públicos. Dez escenarios distribuídos polo centro urbano acollerán actuacións continuas e montaxes de gran formato.
Entre os espectáculos de rúa máis agardados destacan os “Tambores de feu” da compañía vasca Deabru Beltzak, unha proposta que combina música, lume, pirotecnia e efectos especiais. Tamén participarán El Sindicato de Monstruos, coas súas criaturas xigantes, e Boca de Cao, que levará ás rúas as súas marionetas humanas interactuando co público.
O programa complétase con actividades paralelas como o Mercadiño Titiriteiro, os tradicionais “Títeres pola gorra”, instalacións participativas para os máis pequenos e a ruada “De flor en flor… ou a fantástica viaxe do invisible”, que sairá o domingo desde a Fonte do Mouro convidando á veciñanza a participar disfrazada de insecto nunha celebración arredor da polinización.
Ademais, o festival acollerá dúas exposicións: unha dedicada á traxectoria de Kukas e outra de carácter reivindicativo baixo o título Voces de Gaza, con marionetas chegadas desde Palestina para denunciar a situación do pobo gazatí.
A presentación oficial contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen destacou a relevancia cultural dun festival que supera xa o cuarto de século de historia e que conta este ano cunha achega de 24.145 euros da Xunta de Galicia a través da liña de apoio a festivais profesionais de artes escénicas.
O director do encontro, Luis Crespo, e o presidente de Xente Titiriteira, Eduardo Rodríguez “Tatán”, puxeron en valor o traballo colectivo que fai posible unha cita que cada primavera transforma Redondela nun referente internacional do teatro de monicreques nun acto no que tamén participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.










