O titular de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu na tarde de onte a David Lago, do Instituto Pedro Floriani de Redondela, e a Nicolás Freiría, do IES Ribeira de Louro do Porriño, que veñen de representar a Galicia na XXX Olimpíada Informática estatal. Lago participará na olimpíada internacional en Uzbekistán.
Os dous rapaces conformaron a delegación galega no certame estatal tras acadar o primeiro e segundo posto, respectivamente, na Olimpíada Informática Galega. Ademais, David Lago acadou a medalla de ouro na olimpíada nacional, polo que formará parte da delegación que represente a España na competición internacional en Uzbekistán, mentres que Nicolás Freiría recibiu unha mención. Na reunión participaron tamén a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, e o director da olimpíada galega e profesor da Universidade da Coruña, Diego Seco.
O titular do departamento educativo da Xunta felicitounos polo excelente papel realizado en ambas olimpíadas e animounos a seguir esforzándose. “Sodes un exemplo para os vosos compañeiros e, ademais, estades a construír un futuro prometedor para vós mesmos”, destacou.









