Hoxe é Venres 8 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Grupo América abre hoxe a Festa do Choco que contará con Miguel Ángel Revilla como pregoeiro

festa choco

A 39ª edición da Festa do Choco de Redondela arrinca este venres cun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais e culturais que se desenvolverán ata o domingo no Campo da Feira e outros espazos do municipio. A celebración contará con degustacións de choco elaboradas por nove establecementos, actuacións musicais encabezadas polo Grupo América e Combo Dominicano, rutas pola enseada de San Simón e a presenza de Miguel Ángel Revilla como pregoeiro desta edición.

A carpa instalada no Campo da Feira será o punto de encontro para todo ese público que queira gozar do choco. Un total de nove postos prepararán arredor de 1.000 quilos de choco en distintas elaboracións. Restaurantes como O Tranquilo, Quinta das Eiras, Lugar da Serra e Casa Chano ofrecerán receitas tradicionais —choco na súa tinta, con arroz, á feira ou á prancha— xunto a propostas innovadoras. Tamén estarán presentes diferentes panadarías locais.

 A programación festiva será outro dos puntos fortes da festa que arranca esta mesma tarde coa actuación da Orquestra de Saxos, o Grupo América de Vigo e DJ JJ Compota. O sábado será a quenda do grupo de gaitas Airiños de San Simón, Tanto Nos Ten e a verbena coa orquestra Combo Dominicano, ademais de DJ Airan. O domingo haberá pasarrúas coa Banda de Música de Chapela, actuacións das pandeireteiras Froles Mareliñas, O Carballo das Cen Pólas e a Rondalla de Redondela, rematando coa actuación de Pa Ti Na Má.

Ademais, volverán organizarse roteiros en barco pola enseada de San Simón, con saídas desde Cesantes e o Museo Meirande, así como rutas de marisqueo a pé polo porto nas tardes do venres e sábado. As entradas poden adquirirse na oficina de turismo e no propio museo, cun prezo de 6 euros, e tamén a través da web da navieira.

Unha das grandes novidades será a presenza de Miguel Ángel Revilla, que ofrecerá unha charla o sábado 9 ás 19:00 horas no auditorio do Multiúsos da Xunqueira, con entrada gratuíta dispoñible desde as 16:00 horas, e protagonizará o pregón oficial o domingo 10 ás 12:30 horas na carpa do Campo da Feira.

Restricións no tráfico

Co gallo desta celebración as rúas do centro urbano sufrirán diferentes cortes na circulación. Así hoxe venres as rúas Alfonso XII, Xeneral Rubín e Ribeira pecharase ao tráfico a partir das 20:30 horas, mentres que o sábado está previsto xa o peche a partir das 16:00 horas e o domingo xa de mañá, ás 10:30 horas, segundo información da Policía Local de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará