Hoxe é Mércores 6 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O mellor teatro de títeres encherá Redondela de monicreques do 11 ao 17 de maio

títeres

Redondela volverá converterse na capital do títere coa celebración da 27º edición do Festival Internacional de Títeres (Memorial Juanjo Amoedo). Unha festa que  encherá a vila dos viadutos do mellor teatro de monicreques do panorama internacional, despregando un total de 60 actividades da man de máis de 20 compañías chegadas de Uruguai, Francia, Italia, Arxentina e Portugal, pero tamén de Cataluña, País Vasco ou Castela e León. Tampouco faltará a representación galega con compañías como Trécola, Micromina Títeres, Alakrán ou os redondeláns Tanxarina.

De feito, o último espectáculo da compañía redondelá “A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, obra que vén de ser recoñecida como mellor espectáculo de monicreques na última edición dos premios María Casares, será a encargada de abrir a programación de sala que se desenvolverá no Multiúsos da Xunqueira con propostas diversas durante toda a semana.

Unha programación que pechará todo un clásico como é Jordi Bertrán que nunca defrauda entre os afeccionados aos títeres e que nesta ocasión chega coa obra “Clássic”. Tamén como novidade o Teatro dei Piedi de Italia ou a Gloria Bendita cunha proposta máis atrevida pensada para público maior de 14 anos. Unha programación de sala da que nos falaba o director do festival Luis Crespo

Na fin de semana dos días 16 e 17 o grosso da programación desenvolverase na rúa con espectáculos itinerantes e dez escenarios onde o público familiar poderá gozar de balde de propostas diversas que encherán as rúas e prazas de monicreques do máis variado.

Nos itinerantes, a Compañía Deabru Beltzak fará soar os seus “Tambores de feu” nun  espectáculo que mestura música, pirotecnia e efectos especiais para ofrecernos o seu akelarre particular. Pola súa banda O sindicato de monstruos sorprenderá coas súas criaturas xigantes percorrendo o centro da vila e as marionetas humanas de Boca de Cao percorrerán tamén as rúas interactuando co público.

Poderemos tamén visitar as exposicións que organiza o festival, a de Cukas que se inaugurará o vindeiro día 8 e unha segunda, moi reivindicativa no antigo quiosco Cocó con cinco marionetas chegadas dende Palestina e que denuncia tamén a situación que está a vivir o pobo gazatí.

Ademais, na Praza de Ponteareas, e tamén o sábado e o domingo, os máis cativos poderán disfrutar de “Un mar de xogos” con Bico de Toupa ou manipular os títeres na instalación de Galiot Teatre na Pista da Xunqueira.

Todas as actividades complementaranse, como xa é habitual, cos títeres pola gorra, o mercadiño titiriteiro e a Ruada participativa, que este ano, baixo o nome ‘De flor en flor… ou a fantástica viaxe do invisible” sairá do domingo ás 11:45h dende a Fonte do Mouro. Os encargados de animar o paseo interactivo serán El sindicato de monstruos e The Turre’s Band.

Un intenso programa que é posible grazas a todo o equipo que acompaña a Luís Crespo, Xente Titiriteira, entre eles o ilustrador e responsable do cartel durante estes 27 anos, Pablo Pastor.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará