Hoxe é Luns 4 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mobilización en defensa do ensino público en Redondela

educación edit

A Federación de ANPAs chama a participar na manifestación que terá lugar este 6 de maio nun contexto que cualifica de “clave” para a defensa do ensino público. A mobilización arrancará ás 19:00 horas na Praza do Concello, e servirá como punto de encontro para os concellos de Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa.

A Federación amosa a súa preocupación polo recente anuncio da Consellería de Educación relativo ao acordo sobre as condicións laborais do profesorado. Segundo sinalan, existen “serias dúbidas” sobre a súa aplicación práctica e advirten de que podería derivar nunha maior precarización do sistema educativo, con impacto directo na calidade do ensino.

A entidade considera que a situación actual require “unha aposta decidida polo ensino público”, reclamando un reforzo dos seus recursos fronte ao financiamento do ensino privado. Neste sentido, critican a falta de concreción do acordo en aspectos clave como a redución de horas lectivas e a baixada de ratios, que —segundo indican— deberían ir acompañadas dunha planificación rigorosa que garanta a súa viabilidade sen prexuízo para o alumnado.

A Federación formula tamén varias preguntas sobre o alcance real das medidas anunciadas, entre elas se está avaliado o impacto da redución do 10% das horas lectivas, se se prevé a incorporación do profesorado necesario ou se existe unha planificación efectiva para reducir as ratios.

Segundo os seus cálculos, manter o actual nivel de servizo coa combinación das medidas anunciadas requiriría arredor de 3.100 docentes máis. Ao considerar improbable ese incremento, advirten dun posible deterioro do ensino e dunha maior carga para o profesorado, así como dunha peor atención ao alumnado.

Ademais, a Federación alerta da posibilidade de que se produzan cambios non explicitados, como a redución de liñas educativas, o abandono do rural ou unha diminución de centros públicos en favor dos privados.

Finalmente, o colectivo fai un chamamento á responsabilidade das administracións para adoptar “solucións reais, sostibles e planificadas” que garantan un ensino público de calidade, subliñando que a educación é “un dos piares fundamentais da sociedade”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará