O programa de inmersión lingüística “Ministays en inglés” xa está en marcha coa participación de 45 alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES Soutomaior, que dende este mércores e ata o vindeiro 4 de maio está a desfrutar desta experiencia educativa na cidade de Athlone. O Concello de Soutomaior sufragou cando menos o 45% dos gastos de cada un dos participantes.
A iniciativa conta cun investimento de 25.000 euros e ten como obxectivo facilitar o acceso do alumnado a unha experiencia de aprendizaxe en contexto real. Durante seis días e cinco noites, as alumnas e alumnos asistirán a clases de inglés e convivirán con familias irlandesas, o que lles permitirá unha inmersión completa tanto no idioma como na cultura do país.
O programa inclúe, ademais, diferentes actividades formativas e de integración na comunidade local, así como visitas de día completo a cidades como Dublín e Galway, ampliando así a experiencia cultural do alumnado.
O Concello sufraga, cando menos, o 50% do custo da viaxe para o alumnado empadroado, unha porcentaxe que pode acadar ata o 75% en función da renda e das circunstancias persoais e familiares. Deste xeito, búscase garantir que todo o alumnado teña acceso a esta oportunidade, independentemente da súa situación económica.
Coa súa chegada a Athlone, o alumnado inicia agora unha semana de aprendizaxe intensiva e convivencia internacional que, sen dúbida, deixará unha pegada significativa na súa formación académica e persoal.









