A infraestrutura conectará o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial, fomentando a mobilidade sustentable e reducindo o tráfico no centro urbano. A pasarela salvará o río sen apoios no leito, protexendo así o ecosistema fluvial. O proxecto conta cun orzamentos de licitación de 24.254 euros e financiarase a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Os usuarios do aparcamento disuasorio de Vilavella poderán acceder ao paseo fluvial do Maceiras sen necesidade de dar un rodeo unha vez que se constrúa esta pasarela que ten como obxectivo “crear un itinerario peonil directo, seguro e accesible” que conecte ambas as marxes do río.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta actuación “é un paso máis na nosa aposta por unha vila máis humana e habitable, transformando un traxecto que antes era incómodo nun paseo agradable pola beira do río”.
O obxectivo é que Redondela sexa un espazo onde o peón sexa o protagonista, garantindo que calquera persoa, teña ou non problemas de mobilidade, poida desprazarse con total seguridade e confort.
A actuación afectará a unha superficie total de aproximadamente 100 m², dos cales 16,20 m² corresponden á propia estrutura da pasarela. O deseño minimiza o impacto ambiental e a pasarela salvará o río sen necesidade de instalar apoios no leito, protexendo o ecosistema fluvial. A estrutura contará con cimentacións de formigón armado e unha estética integrada na paisaxe, con varandas de madeira. As proteccións terán unha altura de 1,10 metros. A nova pasarela permitirá unha accesibilidade “universal”, con pendentes suaves que facilitan o tránsito de persoas con mobilidade reducida.









