A Policía Local de Redondela prepara un dispositivo especial con motivo da concentración de autocaravanas que terá lugar entre o venres 17 e o domingo 19 de abril. A cita, organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas, reunirá entre 150 e 200 vehículos procedentes de distintos puntos de Galicia e tamén de fóra da comunidade. A chegada dun número tan elevado de autocaravanas reducirá notablemente a dispoñibilidade de prazas de estacionamento na zona urbana.
O evento dará comezo o venres ás 14.00 horas e prolongarase previsiblemente ata o domingo ás 20.00, período no que se aplicarán restricións de estacionamento en varias zonas céntricas. En concreto, estará prohibido aparcar no Campo da Feira, no tramo comprendido entre o Bar Rivas e as instalacións de Aqualia, así como na zona da Feira do Gando na Avenida Mendiño e no espazo de terra anexo ao pavillón deportivo. A policía local será a encargada de sinalizar estas áreas para informar á veciñanza.
Unhas restricións que complicarán notablemente o estacionamento en Redondela, quedando o aparcadoiro disuasorio de Vilavella practicamente como única alternativa, unha vez que se pecha a zona da Avenida Mendiño.
Desde o punto de vista económico, a iniciativa preséntase como unha oportunidade para a hostalaría local, xa que malia que os participantes nesta “quedada” non pernoctarán en establecementos hostaleiros, espérase que un bo número deles faga uso dos bares e restaurantes da localidade ao longo da fin de semana.









