A institución provincial solicitará a certificación Starlight para os castelos de Soutomaior e Sobroso e ultima os preparativos para a observación da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. Turismo Rías Baixas organizará dúas xornadas formativas co sector e persoal técnico para achegar información rigorosa, claves de seguridade e posibilidades para evitar masificacións en puntos de visionado.
A provincia de Pontevedra quere que o eclipse solar do próximo 12 de agosto non sexa só un fenómeno pasaxeiro senón o impulso definitivo para a súa consolidación como destino de astroturismo. O eixo central desta estratexia será a obtención da certificación Starlight para os Castelos de Soutomaior e Sobroso. Este selo de calidade internacional acreditaría que ambos recintos posúen ceo libres de contaminación lumínica, converténdoos en “observatorios” permanentes. De feito, ambas fortalezas xa teñen sido comfirmadas como os escenarios principais para o seguimento da eclipse de agosto.
Para afondar neste obxectivo a Deputación avanza no impulso do produto turístico “Baixo o ceo das Rías Baixas” e organiza este mes de abril dúas xornadas formativas para impulsar a xestión ordenada do astroturismo e coordinar ao sector co gallo deste fenómeno astronómico.
Deste xeito, e da man da Fundación CEO, os días 20 e 30 de abril terán lugar dúas xornadas formativas co sector e co persoal técnico de turismo, respectivamente. Nas sesións afondarase na seguridade, achegando información rigorosa sobre o emprego das gafas ou os momentos clave da eclipse. Tamén se analizará, xunto con propietarios de hoteis, hostais e cámpings da provincia, cuestións como a posibilidade de ver a eclipse dentro dos xardíns ou espazos dos seus establecementos, de xeito que non se colapsen accesos ou espazos públicos.
A Deputación de Pontevedra está a preparar material que tamén porá a disposición das oficinas de turismo con información clara, práctica e homoxénea para a observación do acontecemento. E, nestes momentos, son xa 40 os concellos que se sumaron á iniciativa provincial Baixo o ceo das Rías Baixas, achegando puntos de observación para poder seguir a eclipse en agosto.









