Unha embarcación cunha persoa a bordo foi rescatada na tarde de onte tras permanecer varias horas á deriva na zona da Ponte de Rande, nas proximidades da praia de Cabanas. A rápida intervención evitou que a embarcación impactase contra as rochas sendo finalmente trasladada ate o náutico de Chapela, o seu por base, sen que se rexistrasen danos persoais.
O aviso foi recibido ás 18:10 horas por Salvamento Marítimo de Vigo, que alertou da presenza dunha pequena embarcación sen goberno nas inmediacións da praia de Cabanas, desprazándose perigosamente cara a unha zona de rochas.
Até o lugar trasladouse de inmediato o Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra, que se atopaba nas proximidades. Á súa chegada, os axentes localizaron a embarcación, de cor azul, a escasos metros das pedras e cunha persoa a bordo.
Segundo manifestou o propio ocupante, a avaría orixinouse horas antes, sobre as 14:00, mentres pescaba, momento no que perdeu o dispositivo de seguridade “home á auga” do motor foraborda, o que lle impediu volver arrincalo. Posteriormente, tamén perdeu un dos remos, quedando completamente á deriva.
A patrulleira procedeu a asegurar a embarcación mediante un cabo e a remolcala fóra da zona de perigo. Os axentes lograron que o motor volvese funcionar e acompañaron ao navegante até o náutico de Chapela, o seu porto base.









