Hoxe é Martes 14 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Banda guardesa Boogies proclámase gañadora no XVIII Concurso de maquetas Millo Verde

Boogies_0001

A agrupación Boogies, chegada dende a Guarda, fíxose co premio logo de ser a máis votada no concerto celebrado o pasado sábado na Feira do gando. Unha cita musical na que actuaron os outros finalistas deste ano, os santiagueses Muaré que se clasificaron no segundo lugar. A banda gañadora recibirá 500 euros en metálico ademais de entrar a formar parte do cartel do Festival Alternativo que se celebrará os días 21, 22 e 23 de Maio na Praia de Cesantes.

A banda Boogies está formada por Hugo no baixo eléctrico e voz, Germán como voz principal e guitarra eléctrica e Brais na batería. O seu proxecto naceu na Guarda no verán de 2025 marcando o seu estilo entre o rock, o surf rock e o post-punk, con momentos máis atmosféricos, pero sempre cantado en galego e pensado para o directo.

Unha música cargada de enerxía e ironía que contou co favor do público no concerto celebrado o sábado e onde, unha vez máis, foi o voto dos asistentes o que decidiu os gañadores do concurso. Dende a organización salientan a “participación masiva do público que encheu o recinto dende primeiras horas da tarde” así como a “gran calidade das propostas” nunha xornada festiva organizada en colaboración co Artelixo.

Co cartel xa completo, a organización encara a recta final cara ao festival. Os abonos para as tres xornadas de música e cultura en Cesantes seguen á venda en www.milloverde.org, onde se pode consultar a programación íntegra que inclúe a Rebeliom do Inframundo, La Chiva Gantiva ou Alpargata, entre moitos outros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará