Hoxe é Sábado 4 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alba García: “A estética sen unha estratexia non vende”

ecc5932e-1a54-4e72-9c62-749c662401d0

Consellos prácticos de marketing dixital para o pequeno comercio local

Alba García, profesional do marketing dixital especializada en moda, leva tempo axudando a marcas galegas a crecer na rede. Aínda que moitos a chaman community manager, ela aclara desde o primeiro momento que o seu traballo vai máis alá: “Eu sempre o describo como marketing dixital, porque non fago só o rol de community manager. Dentro do marketing dixital hai moitos roles”. Hoxe colabora con varias marcas da terra e non dubida en poñer en valor o talento local. “Sempre miramos a marcas americanas ou italianas, pero o nivel de produto e a visión que teñen moitas marcas galegas e españolas é brutal. Temos que valorar o que temos na casa”, di.

Para ela, as redes sociais poden converterse nunha ferramenta real de crecemento para tendas e comercios de proximidade, pero só se se fai ben. Un dos erros máis frecuentes é confiar só na estética. “Podes ter un contido bonito, pero se non lle estás dicindo ao cliente o que ten que facer, non vai comprar. Se non poñes a ligazón na bio ou non lle indicas onde adquirir o produto, ao final pérdese a oportunidade”, advirte. Nese sentido, explica o concepto de funil de conversión: todo o camiño que fai o cliente desde que descobre a marca nunha rede ata que remata comprando, xa sexa na web ou na tenda física. “Desde que abre o móbil e ve o teu post, ata que chega á web. Se ese camiño non está ben pensado, dá igual o atractivo que sexa o feed”.

Alba insiste en que todo ten que estar conectado. A marca debe transmitir a mesma esencia en calquera sitio onde a vexan. “É dicir, que se entenda a túa proposta de valor primeiro no minuto un, e que a miren por onde a miren. Se entran no teu TikTok, que saiban cal é a túa proposta de valor que ofreces, que fas. E que se van a Instagram ou a web, pase o mesmo. Que ti transmitas o que es como marca en todas as túas plataformas dixitais”. Ao final, subliña, trátase dun “problema de coherencia”.

Outra peza fundamental é a escoita activa. Non fai falta complicarse con centos de métricas, sobre todo cando se é unha marca pequena ou emerxente con poucos recursos. “Pero escoita á túa comunidade. Porque máis alá do típico mensaxe que che envían cun corazonciño, fíxate no que din. Escoita”. Nas métricas básicas que xa ofrece Instagram, por exemplo, recoméndache mirar máis alá dos “gústame”: cantas persoas viron o vídeo, o nivel de retención , cantos o compartiron ou o gardaron. “Estamos tendendo a ser consumidores moi pasivos, moi de facer scroll rápido. Guíate un pouco a raíz desas métricas básicas e o meu traballo tamén axuda a atopar o público obxectivo e a quen lle estás falando”.

De cara a este 2026, Alba pon especial énfase na optimización SEO. “Meter palabras clave ata na sopa. Si, porque agora as plataformas dixitais e as redes sociais indexan con Google. Entón as redes sociais actúan como buscadores. Mete palabras clave nos teus guións ou na túa biografía”.

E á hora de crear contido, aposta pola narrativa por riba de todo:“Contar algo interesante, e aportar algo de valor é moi importante porque estamos moi saturados con tanta publicidade”.

Alba recoñece que detrás de todo isto hai moito traballo: análise, datos e planificación. “Non é só o selfie ou a parte creativa”, aínda que recoñece que a creatividade é o que máis lle gusta. Os seus servizos adáptanse sempre ás necesidades reais de cada negocio e recomenda empezar pola estratexia.

A mensaxe final é directa: “Se queres que internet traballe para ti de forma profesional, necesitas unha estratexia”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará