Hoxe é Domingo 25 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Belén Martínez de Casa Atlántica: “Quería volver á terra para seguir crecendo na artesanía”

90e4a5ba-b414-4cbc-a85c-d214c56e47af

Belén Martínez é a artesá que está detrás de Casa Atlántica (@casaatlantica), unha das marcas máis recoñecidas da artesanía galega contemporánea.

En 2013 fundou a firma en Barcelona co obxectivo de crear pezas de decoración que potenciasen o valor da artesanía local. Dez anos despois, en 2023, decidiu volver a Galicia e abrir o seu taller en Redondela, apostando por un ritmo de vida máis conectado ao territorio e aos seus recursos.“Dedícome moito á cestería e vivir nunha cidade como Barcelona xa se me facía pesado. Teño aquí a familia, a paisaxe e os recursos naturais. Apetecíame voltar, cambiar, e a verdade é que foi un acerto”, conta Belén, que recoñece que a conexión co rural é esencial no seu traballo e nos materiais.

Esa volta supuxo un punto de inflexión creativo. “En Barcelona facía unha artesanía máis de guerrilla, con materiais reciclados e o que tiña á man. Aquí levo todo o ano formándome en Chantada con fibras vexetais, plantando vimbio e traballando, por exemplo, co castiñeiro desde a plantación ata a peza final. Definitivamente cambia o proceso e aumenta o valor engadido”, explica.

Hoxe combina varios proxectos: crea deseños para marcas, imparte obradoiros ou colabora co seu pai —o prestixioso artesán Álvaro Leiro, habitual de Loewe—.Un dos traballos máis especiais foi o encargo do Museo Reina Sofía con motivo da gran retrospectiva dedicada a Maruja Mallo onde recrearon, en cerámica e a gran escala, as figuras de Clavileño, a escenografía que a pintora galega deseñara en 1936 para un ballet de Rodolfo Halffter que a Guerra Civil impediu que se estrease.

Ao mesmo tempo, segue impulsando a súa liña propia baixo o selo Casa Atlántica, con cerámicas, taburetes tecidos a man, lámpadas e obxectos decorativos que se poden adquirir na tenda online. Nos últimos tempos tamén deseñou botellas exclusivas para o Museo Thyssen, pezas de cerámica para a MoMA Design Store de Nova York e, agora en Redondela, unhas elegantes cestas gourmet xunto con Tía Estébana.

Desde 2015 fusiona técnicas tradicionais galegas con deseño actual, creando pezas de liñas limpas que xa se converteron en icónicas. “En Barcelona queríamos levar a esencia atlántica cando todo o mundo falaba do mediterráneo. Funcionou de forma moi orgánica. Agora a artesanía está en auxe e valórase máis, pero o difícil é manterse e facelo desde aquí. Queremos reivindicar que Galicia non é só un lugar do que inspirarse, senón no que facer”, afirma.

A comezos de decembro recibiu en Santiago de Compostela unha das bolsas Eloy Gesto 2025 da Xunta de Galicia, dotada con 4.000 euros, para formación.“É un mundo infinito e cheo de posibilidades, no que sempre estás aprendendo”, di Belén, que desde o seu taller de Redondela segue a demostrar que a artesanía galega pode ser elegante, moderna e profundamente atlántica.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará