O Concello de Redondela traballa na creación dun percorrido seguro que facilitará o desprazamento a pé do alumnado de Chapela. A actuación, que conta cun orzamento superior aos 770.000 euros, proxecta transformar a rúa Manuel Rodríguez Casal que se dotará dunha plataforma única para garantir un acceso seguro ao Colexio de Laredo. Tamén se mellorará a iluminación e dotarase a zona de mobiliario urbano.
A iniciativa está enmarcada dentro do PAI (Plan de Acción Integrado) e busca crear espazos para favorecer a autonomía infantil. A actuación abarcará aproximadamente 3.000 m² de superficie, co obxectivo de transformar a Rúa Manuel Rodríguez Casal nunha contorna “máis segura, accesible e amable para os peóns, especialmente para os nenos e nenas que estudan no CEIP Laredo” en palabras da alcaldesa Digna Rivas. Para iso crearase unha plataforma única, con medidas de redución de velocidade para o tráfico. Nun tramo dus 300 metros de lonxitude realizarase un cambio funcional, estético e ambiental. Este proxecto garantirá un acceso máis seguro ao CEIP Laredo de Chapela e “servirá como modelo para futuras intervencións de humanización noutros colexios do municipio, promovendo contornas urbanas adaptadas a colectivos vulnerables como a infancia”.
Como complemento á humanización levarase a cabo un proceso de naturalización da contorna para mellorar a calidade ambiental da zona e a integración paisaxística. Incorporarase vexetación autóctona para reducir o impacto ambiental, favorecer a absorción de CO2 e mitigar o efecto do calor. Instalarase novo mobiliario urbano e iluminación led eficiente, “co que se mellora tanto a seguridade nocturna como a habitabilidade do espazo”, apunta Rivas. Con este enfoque “non só se mellora a seguridade e comodidade dos camiños escolares, senón que tamén creamos grandes refuxios climáticos públicos”, conclúe a alcaldesa. O proxecto está orzamentado en 776.820 euros, dos que 466.092 corresponden á creación do camiño escolar e o resto, 310.000 728, para a mellora ambiental e mobiliario urbano. Os fondos FEDER financiarían un 60% do custe dos traballos, e o 40% restante o propio Concello.
O obxectivo deste PAI é “revitalizar e mellorar a calidade de vida , a accesibilidade e a sostibilidade urbana”. Entre os proxectos están o novo Centro Sociocultural de Chapela, a reforma do Mercado Municipal, o Museo Etnográfico Ángel Barros e obras de humanizacións e eficiencia enerxética. No casco histórico contémplanse actuacións para eliminar barreiras arquitectónicas e habilitar espazos de convivencia entre os cidadáns.