Hoxe é Mércores 19 de Marzo de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela anuncia unha maior regulación das vivendas de uso turístico ante a súa expansión

vivendas

O goberno local ten previsto elaborar unha ordenanza de cara a regular as vivendas de uso turístico que funcionan en Redondela e que, segundo os rexistros que constan na Xunta, serían unhas 200. Un paso previo a esa posible regulación –condicionada a aprobación do PXOM- é a instrución municipal publicada no BOP e na que establece entre outras cuestións que os propietarios que queiran poñer en marcha un aloxamento turístico deberán presentar unha comunicación previa. Do mesmo xeito, aquelas vivendas que xa se están dedicando a esta actividade deberán presentar tamén esta documentación.

O incremento de turistas e, sobre todo, peregrinos que cruzan Redondela camiño de Santiago fixo proliferar enormemente as vivendas turísticas no noso concello. A día de hoxe serían 200 as que se dedican a este uso atendendo aos datos que constan no Rexistro da Xunta.  Tentar regular esta actividade que continúa medrando é un dos obxectivos da instrución municipal publicada no Boletín Oficial da Provincia e na que se recollen os requisitos e trámites para poñer en marcha este tipo de negocio.

O concelleiro de urbanismo recoñece que a proliferación desta actividade ten consecuencias para a cidadanía, xa que supón retirar do mercado vivendas que resolverían problemas de habitabilidade para quen busca unha vivenda estable. Adianta que a súa intención é avanzar nunha normativa municipal ao tempo que se aprobe o Plan Xeral.

Como primeiro paso, o goberno local ven de publicar o tipo de usos e requisitos que deben adoptar os propietarios de vivendas para a implantacións de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico no municipio. Con esta instrución o que se pretende é “aclarar o encaixe urbanístico destes establecementos e os requisitos que deben cumprir, co obxecto de unificar criterios”. Os propietarios deberán presentar unha comunicación previa de inicio de actividade ademais da documentación que acredite que cumpre cos requisitos para o exercicio da actividade: Memoria explicativa, xustificante de pago dos tributos municipais, declaración de que o establecemento reúne as condicións de seguridade e salubridade.

Desde o Concello contactarase coas vivendas turísticas que xa están en funcionamento para reclamarlles que presenten tamén esta documentación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará