Os voluntarios da policía local de Redondela, que chegaron a esta localidade da zona cero da DINA hai unha semana, regresarán hoxe tras realizar diferentes labores vinculadas principalmente á seguridade cidadá. O sábado encargáronse tamén de recibir aos integrantes de protección civil que trasladaron ata Valencia os dous vehículos cargados con máis de dous mil kilos de produtos que foran doados pola veciñanza.
Alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, material de limpeza e roupa chegaban así a valencia nun vehículo de Protección Civil e dous furgóns cedidos por Autos González e Autos Brea. Una vez alí e coordinados polos axentes da de Redondela que durante a pasada semana estiveron traballando baixo a dirección da Policía Local de Benetússer procederon a súa entrega.
Os axentes que xa están de regreso confirman que a situación vai mellorando aos poucos: xa está restablecido todo o subministro eléctrico, o alumeado público funciona pola noite e as vivendas xa teñen auga corrente. Tamén se está traballando moito na limpeza das rúas e retirada de cascallos. Con todo, apuntan ao temor que se cerne agora sobre as instalacións do sumidoiro pola lama acumulada nestas tubaxes que pode provocar a súa obstrución, polo que se está a traballar tamén na súa limpeza.
O traballos deste axentes centráronse principalmente en mediar cando se producían episodios de tensións entre a veciñanza, sinalizar zonas peonís e acompañar aos efectivos de AXEGA que estiveron a traballar na limpeza das rúas, coordinar voluntarios e sobre todo, apoiar a propia policía local de Benetússer que quedaron sen ningún tipo de material xa que tanto os vehículos como as armas desapareceron coa riada.
Os axentes tiñan previsto regresar o pasado venres pero decidiron prolongar a súa estancia ata hoxe logo de que así llo solicitasen os mandos policiais de Benetússer. Confirman que aínda quedan moitos meses de traballo ata que estas localidades volvan á normalidade.