O edil de infraestruturas e sostibilidade, Roberto Villar asegura que en pleno temporal houbo numerosas persoas que, facendo caso omiso aos peches decretados polo Concello, accederon a zonas que estaban acoutadas co obxecto de evitar riscos innecesarios.
Neste sentido lembra que o goberno local procedeu a incrementar as medidas de precaución en determinados lugares atendendo ás consecuencias que podían provocar os fortes refachos de vento e as precipitacións que estaban previstas durante as primeiras horas da xornada de onte. Neste sentido, colocáronse sinalizacións e cortouse o acceso ao río Maceira –que adoita anegarse cando hai fortes chuvias- á Alameda Castelao e o paseo da Portela. Con todo, houbo numerosos veciños que “levantaron cintas e moveron valados para entrar nestas zonas acoutadas por seguridade, para pasear con seus cans ou por curiosidade” lamenta o concelleiro. Unha actitude que cualifica de “totalmente irresponsable”.
Lembra que ao tempo que estas persoas poñían en risco a súa seguridade , os servizos de emerxencia estaban atendendo ducias de incidencias como caídas de árbores e tendidos eléctricos.









