Hoxe é Venres 4 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela celebra o Día do Remo cun intenso programa de deporte, música e gastronomía

1

Foto de Máximo Expósito

O Club de Remo de Chapela xa está de volta do País Vasco despois de disputar o ‘play-off’ das ligas vasca Euskotren e Eusko Label, que se celebraron en Bermeo e Portugalete e poñían punto e final á tempada de traiñeiras. Despiden o verán por todo o alto coa súa xa tradicional Festa do Día do Remo que se celebra ao longo deste sábado no paseo marítimo e no que tamén poderán festexar os resultados históricos acadados esta tempada.

Antonio Viaño, Presidente do club, fai unha valoración positiva desta tempada que rematou á fin de semana pasada e que deixou grandes momentos para o Club de Remo de Chapela. “Tendo en conta que somos unha localidade pequena saímos ao mar con tres equipos”. A embarcación masculina conseguiu o título de subcampión da Liga Galega de Traiñeiras, mentres que a embarcación feminina proclamouse campioa galega. As remeiras bateron marcas tamén na Bandeira da Concha acadando o seu mellor resultado ata o de agora. Remataron de cuartas na competición en Donostia,  despois dunha gran loita con Kaiku. O presidente explica que “non nos esperabamos tan bos resultados. En edicións anteriores chegamos ao sétimo e sexto posto e agora subimos dous chanzos máis, cando moitos equipos históricos case quedan fóra”. 

“Conseguimos dos mellores resultados da historia do club”, Antonio Viaño.
“A traiñeira B ten que ter unha mención especial, porque son o futuro do equipo sénior A”, Antonio Viaño.

O sénior masculino quedou no quinto posto no play-off da liga Eusko Label e as remeiras do sénior feminino no terceiro no play-off da liga Euskotren, demostrando a súa valía entre as mellores embarcacións do norte do país e quedando ás portas do ascenso.  A experienicia foi para Viaño “moi boa e valeu de aprendizaxe tanto para a directiva como os deportistas que se mediron na categoría máxima do remo”.

“A participación nas regatas do País Vasco foi moi positiva”, Antonio Viaño.

En canto aos obxectivos de cara á tempada seguinte, apunta o directivo que “son os mesmos e non haberá moitos cambios”. Tentarán chegar ao máis alto do podio en tódalas categorías da Liga Galega de Traiñeiras e continuarán co soño, cada vez máis preto, de competir na Liga ACT no País Vasco.

“Os obxectivos son os mesmos e teremos unha reunión para a nova tempada, de momento imos continuar coa organización do Día do Remo”, Antonio Viaño.

Os afeccionados ao remo teñen unha cita este sábado en Chapela, para celebrar o Día do Remo e gozar do momento doce que está a vivir o Club de Remo de Chapela cos bos resultados desta tempada. A celebración alcanza a súa oitava edición e, ademais de deporte, ofrecen gastronomía e música no paseo marítimo de Cardona. Reúne a centenares de veciños á beira dos equipos de traiñeiras e bateis. A participación é cada ano maior e achéganse remeiros de toda Galicia e tamén do País Vasco e Cantabria.

“Invitado está todo o mundo”, Antonio Viaño.

O evento, organizado polo Concello de Redondela xunto á Asociación Día do Remo, coa colaboración do Club de Remo de Chapela, incluirá varias regatas e unha travesía popular de embarcacións polo estreito de Rande..Dende a directiva aclaran que “os equipos faranse a sorteo e se mesturarán os deportistas e afeccionados interesados”. A travesía popular comezará ás 11.00 horas e percorrerán unha distancia de 4 millas náuticas, con saída desde Arealonga, pasando por baixo da ponte de Rande, o museo Meirande e regreso ata Chapela. No Museo de Rande serán recibidos cunha representación teatral sobre a batalla e os participantes realizarán unha ofrenda floral en homenaxe aos caídos na histórica contenda naval. Pola tarde, ás 19.00,  celebraranse as regatas curtas do Día do Remo con tripulación mixta.

“As plantillas se fan a sorteo puro”, Antonio Viaño.

A  degustación gastronómica conta cunha gran paella de marisco para comer e dúas tenreiras “ao espeto” para cear, a partir das 20:30 horas ,como atractivo culinario. A festa continuará pola noite coa actuación do grupo Bafana Bafana e varios DJ’s ata ás 04:00 horas.

“A festa seguirá ata as catro da mañán”, Antonio Viaño.

Chapela volve ser este sábado capital do remo nunha xornada na que deporte, cultura e gastronomía van da man. Os tickets para a cea pódense adquirir na cafetería Kima ou nas instalacións do Club de Remo de Chapela a un prezo de 18 euros. O prezo da paella mariñeira será de 8 euros.

Fotos do Día do Remo de anos anteriores feitas por Máximo Expósito.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará