Hoxe é Venres 4 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela pon en marcha traballos de mellora nos 12 centros escolares

CEIP Alexandre Bóveda

O Concello de Redondela está a traballar na posta a punto dos centros escolares de ensino público de Infantil e Primaria ante o inicio do curso escolar. Faranse traballos de mellora nos 12 centros de Infantil e Primaria do municipio segundo as demandas dos propios colexios. Estes contan ademais cunha achega económica por parte do Concello para a súa autoxestión e a partida anual é de 105.000 euros para sufragar gastos de reparación e mantemento.

A alcaldesa, Digna Rivas, visitou o CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela, xunto co concelleiro de Ensino, Iván Valles e o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, para comprobar xunto coa dirección do centro a marcha dos traballos de mellora. Nesta escola do barrio de Angorén renovouse o firme do parque infantil e dos accesos ás pistas deportivas. Tamén se está a instalar unha horta no recinto do colexio.

Noutros centros, como o CEIP Laredo, fixéronse traballos de mellora da seguridade viaria durante o verán, coa reordenación das prazas de aparcadoiro, a ampliación dun paso de peóns, o rebaixe de beirarrúas e a apertura dun novo acceso para o centro, entre outras cuestións.

A rexedora explica que os traballos de mellora se farán “segundo as demandas dos propios colexios, como o cambio de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética, traballos de albanelería e reparacións de carpintería, entre outros” . O departamento de Parques e Xardíns, co seu concelleiro, Pedro Villaverde, traballa tamén na posta a punto das zonas axardinadas e patios dos colexios. O concelleiro Roberto Villar explica que as obras irán realizándose ao longo dos vindeiros meses. Estes traballos de mellora por parte dos servizos municipais “son unha colaboración que facemos desde o Concello para axudar aos centros”.

Desde o Concello de Redondela tamén se trasladou á Consellería de Ensino da Xunta de Galicia a necesidade de obras de reforma integral nalgúns centros. O concelleiro Iván Valles sinala que o deterioro dos edificios máis antigos “non pode resolverse con simples traballos de mantemento, xa que precisan de remodelacións e investimentos que son competencia da Xunta de Galicia”. Valles apunta “a urxencia de reformas  integrais nos  CEIP Alexandre Bóveda, CEIP  Quintela e  CEIP Cedeira centros educativos cunha enorme necesidade de adaptar as súas instalacións ao plan de nova arquitectura pedagóxica elaborado pola propia  Xunta de Galicia, centradas na eficiencia enerxética e orientadas ás novas necesidades educativas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará