Hoxe é Venres 11 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ecoturismo, kaiak e “starlight” protagonizan os Roteiros Ambientais de agosto

Ruta Nocturna Fondón-Lendas ao Solpor

A programación de agosto inclúe unha ducia de saídas de ecoturismo, con paseos diúrnos  e nocturnos por espazos de gran valor natural, cultural e paisaxístico como os ríos Fondón e Pexegueiro, a enseada de San Simón ou O Viso. Dende o goberno local, animan tanto á veciñanza de Redondela como aos visitantes a participar nestas actividades organizadas para público de todas as idades. Todas son de balde, agás as saídas en kaiak e a actividade “starlight”.

Logo do éxito das actividades de ecoturismo celebradas ao longo do mes de xullo, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente poñen en marcha o programa de saídas para o mes de agosto.

A primeira saída será este sábado, 3 de agosto, cunha ruta nocturna polo río Fondón. Os participantes partirán ás 21.30 horas do campo de fútbol de Trasmañó para facer un percorrido pola beira do río. Esta actividade, cultural e medioambiental, é de balde, e pode participar público de todas as idades. Un guía especializado explicará a riqueza medioambiental da zona e o seu patrimonio cultural e etnográfico. Visitarán os muíños ao longo do río e os petróglifos de Monte Penide, e poderán escoitar as lendas e costumes tradicionais relacionadas con este fermoso enclave cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría. Esta mesma actividade repetirase o venres 30 de agosto.

O venres, 9 de agosto, haberá unha ruta nocturna para coñecer “Os tesouros do río Pexegueiro”, unha das novidades do programa de ecoturismo deste verán. Os muíños, regatos e lendas serán os protagonistas desta actividade, que se realiza en colaboración co Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.  A saída será ás 21.30 horas desde a rúa A Pantalla. Esta mesma actividade repetirase o venres 23 de agosto.

A praia da Punta e a riqueza litoral de Cesantes será outro dos destinos dos roteiros ambientais, cun paseo diúrno o 11 de agosto e outro nocturno o día 17.

O 15 de agosto a cita será en Chapela cunha ruta ambiental polo río Fondón, de 10.00 a 13.00 horas, con saída desde o CEIP Igrexa.

Os xogos de orientación e aventuras chegarán o 16 de agosto con “Orientaventura en Cesantes”, unha actividade dirixida á rapazada de entre 7 e 16 anos.

O 18 de agosto o Miradoiro de Outeiro Grande, no Viso, será o protagonista doutra das actividades deste mes de agosto. Terá lugar ás 21.00 horas neste enclave, cunhas vistas panorámicas privilexiadas sobre a enseada de San Simón, realizarase unha observación nocturna xeográfica e natural da ría de Vigo desde.

Haberá tamén dúas saídas en kaiak, a primeira o 6 de agosto pola enseada para coñecer os fondos mariños e a contorna da illa de San Simón. A segunda será o mércores 28 de agosto cun percorrido polos segredos da Portela e zona da Regasenda.

A programación rematará o sábado 31 de agosto cunha actividade de observación do ceo nocturno para toda a familia. Será no campo de fútbol da Gándara, no Viso, de 21.30 a 23.00 horas.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, destaca a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”.  O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.

Todas as actividades son de balde, agás as saídas en kaiak, que teñen un prezo bonificado de 20 euros, e a observación do ceo nocturno, cun prezo de 3 euros.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará