Un total de 70 locais de hostalaría de Redondela fan uso do espazo público para instalar as súas mesas e cadeiras. Con todo, tan só vinte presentaron unha solicitude para legalizar estas terrazas e, a día de hoxe, só 5 están autorizadas. Logo da moratoria aplicada dende a pandemia que permitía a bares e restaurantes non pagar pola ocupación da vía pública, o goberno local quere agora retomar esta taxa e así llo trasladou onte ao pleno. A proposta non saíu aprobada ao votar en contra PP e BNG.
A proposta da Concellería de interior, segundo explicou a súa responsable Rita Pérez, busca retomar unha taxa que quedara en suspenso a raíz da pandemia. Así a cota que deberá abonar cada local viría determinada polo número de metros que ocupe a súa terraza con dúas modalidades: unha tarifa anual que abonaría 20 euros por metros cadrados e unha tarifa de tempada que se aplicaría a aqueles negocios que dispoñan de terraza nun período de seis meses, entre abril e setembro, que pagarían 12,5 euros. Explicou tamén que os locais aínda teñen un mes para regularizar as súa situación, xa que tan só 20 das 70 existentes solicitaron a licenza de terraza.
Roberto Villar de AER amosaba a súa disponibilidade a retomar unha ordenanza que é necesaria non só por cuestións recadatorias, senón tamén para regular a convivencia entre os locais e os veciños e veciñas.
A proposta non saíu adiante ao non contar co apoio nin do PP nin do BNG. Lamentaban os nacionalistas que esta cuestión non se tivera negociado cos hostaleiros e non se tivera aberto un período de exposición pública. Argumentaron o seu voto en contra “por non ser o momento máis axeitado aplicar unha tarifa cando se está aínda en fase de legalizar as terrazas existentes”.
Tamén o PP criticou non a ordenanza en si, senón que non se tivera negociado previamente co resto dos grupos políticos e co sector. Solicitaban que a ordenanza quedara enriba da mesa ata non legalizarse as terrazas existentes.