Hoxe é Domingo 19 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Alameda acolle a IV edición da iniciativa “Lectura na rúa” con preto dun milleiro de persoas

lectura na rúa

A Alameda Castelao acolle este mércores 8 a IV edición da actividade “Lectura na rúa” na que participarán os centros educativos do concello, as bibliotecas e os centros de día. Unha actividade “interxeracional” que busca fomentar a lectura nun espazo diferente e que nacía no ano 2017 da man do Colexio Santa Mariña co obxecto de conmemorar o Día do Libro e amosar que hai outra forma de ler “máis divertida, que pode ser en compañía”.

Nas primeiras edicións formaron parte desta festa da lectura, ademais do CEP Plurilingüe Santa Mariña, os seus centros de referencia: EEI A Marisma e IES Illa de San Simón. Posteriormente fóronse sumando novas colaboracións e neste curso a actividade está organizada polo CEP Santa Mariña xunto co Concello de Redondela, e coa colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero.

Neste acto participarán todos os centros educativos de Educación Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 5 centros de día do concello, sumando preto dun millar de persoas, que se xuntarán na Alameda Castelao de Redondela para gozar dunha mañá de lectura e cultura en compañía.

O evento, que se estenderá dende as 10:30 ata as 13:00 horas, contará cun intercambio de marcadores de libros, lectura compartida, desfile de contos, cancións, bailes e a actuación de “Barafunda”. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, confía en que a iniciativa sexa “un éxito” como en edicións anteriores, e agradece ao CEP Santa Mariña e o resto de centros a súa implicación. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que desde o Concello “estaremos sempre apoiando iniciativas como esta, na que a cidadanía, tanto a infancia como os maiores, son protagonistas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará