Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Homenaxe a Bernardo Seoane, o home que converte a chatarra en pezas de arte

Sin título_2.7.1

O Concello de Soutomaior homenaxeará este domingo 21 de abril ao escultor e artista local  Bernardo Seoane. O acto terá lugar ás 19:30 horas na contorna do campo da petanca en Arcade. Proxectarase un documental sobre a obra e figura de Bernardo e presentarase a escultura “O camiño das estrelas” peza realizada polo homenaxeado e doada ao concello.

A afección de Seoane pola escultura xurdiu hai cincuenta anos, un período no que ten experimentado sobre todo con material de refugallo, chatarra, pezas de coches, ferros e bronce que lle servían para ir compoñendo as súas pezas, esculturas que representan animais, máquinas absurdas, esculturas vangardistas, figuras humanas ou mesmo animais. De feito, unha das súas últimas obras foi un elefante de dous metros de altura e máis de 2000 kilos de peso.

Unhas esculturas que poden observarse dende a Ponte Medieval xa que están expostas no seu xardín, no límite entre Arcade e Pontesampaio. Con todo, a partir de agora grazas a súa doazón unha desas esculturas, a titulada “O Camiño das estrelas” estará a disposición de toda a veciñanza.

O acto homenaxe a Bernardo Seoane arrancará ás 19:30 horas do domingo na contorna do campo de petanca de Arcade coa proxección dun documental sobre a obra e figura de Bernardo, realizado polo documentalista ‘Breikus’. Tras a proxección terá lugar a presentación da escultura doada ao Concello e a música correra a cargo de Balbuena&Seoane.

O alcalde Manu Lourenzo sinalou “a fonda gratitude de toda a veciñanza de Soutomaior con Bernardo pola doazón desta escultura, para que todas e todos poidamos desfrutar da súa obra, sempre ligada á vangarda, a natureza, a estética industrial e a tradición”. O alcalde tamén destacou que a escultura ‘O camiño das estrelas’ estará acompañada dunha placa coas seguintes verbas do poeta e veciño de Soutomaior Iago Treus: “Forxador de soños, retais de eternidade nas aristas espidas na mente dun xenio”.

“Non é só un grandísimo artista. É un veciño do noso concello que coa súa obra leva décadas a deixar unha fonda pegada no imaxinario de toda a veciñanza de Soutomaior”, subliñou o alcalde quen concluíu afirmando que “non se pode entender o noso concello hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará