Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O contrato do lixo con Urbaser custará 120.000 euros máis

urbaser

As continuas críticas por parte do grupo de goberno así como polos grupos da oposición á empresa Urbaser polos seus “incumprimentos” na recollida de residuos e limpeza de contedores non impedirá que este ano o Concello teña que desembolsar 120.000 euros máis por este servizo, logo de que así se aprobase no último pleno municipal cos votos a favor de PSOE e AER, a abstención do PP e o voto en contra do BNG.

Os desencontros entre o goberno local e Urbaser levaron no seu día a presentar por parte da Concellería de Medio Ambiente a imposición de penalidades a esta empresa polo seu incumprimento nas prestacións recollidas no contrato do lixo. Un tema que acabou no xulgado pero que se resolveu a favor da empresa. Precisamente, o que fora edil deste departamento, o concelleiro de AER Roberto Villar lembraba este feito para argumentar o seu voto a favor do incremento que solicita Urbaser e que lle permitirá cobrar 101.000 euros mensuais (dez mil euros máis do que cobran ata o de agora cada mes) pola recollida de residuos sólidos urbanos. Villar explicaba que “de non aprobarse esta actualización de prezos, a empresa denunciaría ao concello e malia que non estea a  cumprir coas súas obrigas a xustiza daríalle a razón como xa lla deu noutras ocasións”.

Roberto Villar, AER

Dende o BNG argumentaban o seu voto en contra como un xeito de presionar en maior medida a unha empresa que “non está a cumprir o servizo para o cal foi contratado” ou incluso está “a cobrar dúas veces por facer un servizo que xa está incluído no prego como poida ser a recollida de enseres”. Insistía o nacionalista Xoán Carlos González que “se hai que volver aos xulgados vólvese porque Urbaser non está limpando os contedores nin repoñendo os que están rotos e tampouco cumpre coa periodicidade debida na parroquias”.

Xoán Carlos González, BNG

O PP tamén amosaba as súas críticas ante a falta de  control por parte do Concello sobre Urbaser, segundo criticaba Miguel Angel Ballesteros.

Migule Ángel Ballesteros, PP

O socialista Antonio Cabaleiro pechaba a súa intervención insistindo en que se trata dun incremento estipulado por convenio e asegurando que dende o goberno local “estase moi enriba da empresa para garantir que cumpre o contrato, sen desbotar que haxa que volver aos xulgados”.

Antonio Cabaleiro, PSOE
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará