Unha das últimas actuacións de asfaltado foi en Reboreda
O edil responsable do departamento de infraestruturas recoñece o mal estado no que se atopan os viais do concello, situación que achaca a un cúmulo de circunstancias “falta de fondos, falta de persoal e mal tempo”. Con todo, anuncia obras por valor de medio millón de euros no primeiro semestre deste ano con actuacións xa previstas en Reboreda e Chapela. Sobre as queixas veciñais en torno á Subida a Cedeira asegura que a obra de arranxo ía iniciarse o pasado 19 de febreiro “e tivo que ser posposta pola situación meteorolóxica”. Compromete que se realizará “en canto o tempo o permita”.
“Imos acometer obras importantes en estradas e camiños neste primeiros semestre do ano” así o confirma o edil Roberto Villar que concreta dúas actuacións por valor de 500.000 euros financiados con fondos propios do Concello e achegas do plan +Provincia da Deputación. Suporá o asfaltado do Camiño do Outeiro en Reboreda e o Camiño das Ánimas en Chapela “un camiño pendente dende o 2019 cando se iniciara o seu arranxo e que quedou a medias naquel momento por un problema coa empresa que ía facer a obra”.
En canto a situación concreta da Subida a Cedeira, que está a provocar malestar e queixas entre os residentes e usuarios, explica Villar que o arranxo da estrada será unha realidade en canto o tempo permita. De feito asegura que “a data prevista para iniciar as obras era o pasado 19 de febreiro pero as chuvias obrigaron a pospoñer o asfaltado que se realizará en canto a situación meteorolóxica mellore”.
Compromete o responsable de Infraestruturas que este ano se lle dará un impulso importante ás actuacións pendentes en diferentes camiños “estamos valorando entre 30 e 40 camiños que se prevé recuperar na súa totalidade, para o cal reforzaremos o departamento tanto con maquinaria como con persoal”.