Hoxe é Xoves 2 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior dedica a programación do 25N ao machismo no deporte

25n souto

Baixo o lema “gañarlle ao machismo”, a programación en torno ao 25 de novembro busca denunciar “como as estruturas deportivas están sometidas ao machismo e ao heteropatriarcado que exercen violencia contra as mulleres, impedindo que poidan exercer as súas disciplinas en igualdade de condicións”. A primeira das actividades será unha mesa redonda coa presenza de deportistas de diferentes modalidades que se desenvolverá o sábado no Multiúsos de Arcade ás 19:00 horas.

A programación da campaña, presentada pola concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a responsable do Centro de Información da Muller,  Cristina García estenderase dende o sábado 18 de novembro ata venres 1 de decembro. A primeira das citas será a mesa redonda ‘A Muller No Deporte’, na que diferentes mulleres relacionadas co ámbito deportivo conversarán sobre as súas experiencias. Intervirán a xogadora profesional de baloncesto María Araújo, a árbitra de fútbol Adriana Gámez e a ex xogadora do Deportivo da Coruña Ana González. A mesa redonda estará moderada pola adestradora de voleibol Natalia Bauly.

Xa o propio día 25, o Concello de Soutomaior convocou unha concentración ás 12 horas na Alameda de Talo Río en repulsa das violencias machistas. A continuación, varias deportistas locais farán lectura do manifesto polo 25-N do Concello de Soutomaior e ao remate o dúo Cinta Adhesiva levará a cabo unha performance en Talo Río.

Pola tarde, a compañía A Panadaría interpretará a súa obra ‘As que limpan’, ás 20.30 horas no Multiusos de Arcade. Finalmente, o día 1 de decembro, ás 19.30 horas, a libraría Loli de Arcade acollerá a presentación do libro ‘Bambú’ de Isabel Blanco, quen desenvolverá un coloquio co público asistente ao remate da presentación.

A concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, subliñou a importancia de “esixir no 25-N e en todos os días do ano a fin das violencias machistas en todos os ámbitos” e “reivindicar o dereito das mulleres a vivir en igualdade de condicións que os homes”. Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “en Soutomaior, como referente deportivo a nivel formativo, é fundamental concienciar de que o deporte debe ser un espazo de igualdade e respecto, libre de violencias machistas e no que tanto mulleres como homes poidan centrarse única e exclusivamente en desfrutar e mellorar nas súas respectivas disciplinas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará