Hoxe é Sábado 18 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Rande carga armas para celebrar a X edición da Batalla Naval

batalla

A Asociación Cultural e Deportiva de Rande e o Concello de Redondela organizan, por décimo ano consecutivo, un intenso programa co gallo de conmemorar a batalla naval que se vivía o 23 de outubro de 1702 cando na ría de Vigo tiña lugar o histórico enfrontamento entre as escuadras anglo-holandesas e hispano-francesas. Nesta edición, xa baixo o distintivo da Q de Calidade Turística que outorga o Instituto para a Calidad Turística Española (ICTE), inclúense novidades que buscan “dar maior repercusión e implicar un maior número de veciños e veciñas” tanto no preludio da festa do día 14 como na fin de semana grande dos días 21 e 22.

“Todas as novidades que se suman ano tras ano ao programa buscan seguir medrando nunha cita que é xa un referente na bisbarra”. Así o salientaba a alcaldesa, Digna Rivas na presentación que se desenvolvía no entorno do Meirande, espazo que dentro de dúas semanas, os días 21 e 22 de outubro, acollerán as actividades principais da Conmemoración da Batalla deste ano.

Os actos principais xirarán un ano máis en torno a esa representación teatral que se desenvolverá na tarde do sábado 21 e que contará coa participación de ducias de actores que, baixo a dirección de María Torres, revivirán o acontecido hai 321 anos en augas da ría co desembarco, a descarga do tesouro e o asalto á fortaleza.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Con todo, o inicio da festa será xa o sábado 14 cun desfile polo centro da vila e unha representación final na Praza da Casa da Torre. Ademais para animar a participación, haberá nesta edición unha xincana ‘Busca do tesouro’ polo casco histórico da vila baixo a dirección de Mónica Sueiro, unha proposta que persegue facer nesa fin de semana previa “algo máis festivo e interactivo”.

Mónica Sueiro, directora e profesora de teatro

A presentación desta X edición contou tamén coa presenza da concelleira de Cultura, Rita Pérez e o presidente da Asociación Cultural, Pedro Otero, quen quixo lembrar e agradecer o esforzo que supuxo a posta en marcha deste evento histórico que nesta edición volverá contar con actividades teatrais, obradoiros e música.

Pedro otero, Asociación Deportiva e Cultural de Rande

Así, a xornada do sábado 21 arrancará coa concentración de embarcacións tradicionais e os obradoiros de alfareiría, escritura antiga, lacrado e acuñación de moeda. A unha do mediodía presentarase a obra “A casa das virtudes” que se repetirá novamente ás 17:00 horas.

A partir das cinco e media terán lugar algunhas das escenas da batalla baixo a dirección de María Torres coa obra “O sono Vermellón. Rande 1702” e a continuación a teatralización do desembarco, a descarga do tesouro e o asalto á fortaleza. Un evento que rematará co afundimento e a representación naval da batalla con pirotecnia.

A música correrá a cargo do grupo “O sonoro maxín” a partir das 21:00 horas. As actividades continuarán o domingo 22 con obradoiros e teatro no mesmo espazo.

Reedítanse tamén as visitas guiadas pola Enseada de San Simón e visita a Illa con saída dende o museo a un prezo de 5 euros.

Rita Pérez, Concelleira de Cultura

As entradas deberán retirarse na Oficina de Turismo ou no propio Museo Meirande, lugar dende o que partirán os barcos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará