Hoxe é Domingo 19 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

 “Hai que repensar as festas parroquiais, o formato das festas que coñecemos está desfasado”

festa reboreda

É posible unha festa sen verbena e sen orquestra? En Reboreda veñen de demostrar que si. Malia as críticas dos que non entendían a decisión de facer unha programación diferente, as celebracións deste ano foron todo un éxito de asistencia. Os seus promotores instan ao Concello a organizar unhas xornadas orientadas ás Comisións para “reinventar” estas celebracións e favorecer a organización doutro tipo de festas sen necesidade de gastar cantidades económicas que “son inasumibles”.

Os organizadores das festas de Reboreda organizaron unha programación que fuxía da verbena tradicional e da contratación de orquestras. Unhas festas “singulares e apegadas tamén a identidade da parroquia” que foron todo un éxito xa que, tanto as actividades diurnas centradas nas propostas infantís e as homenaxes a Fernández del Riego e o Carballo das Cen Pólas como os concertos de Treixadura e Sheila Patricia, lograron o favor do público.

Non pensaban este grupo de veciños da parroquia, entre os que se atopa o párroco Carlos “Saja” e máis Andrés Laxe, que a súa proposta que buscaba facer unha festa diferente ao tempo que axustarse a un orzamento limitado en torno aos 30.000 euros, ía provocar tantas reaccións. Malia que nun principio foron numerosas as críticas por renunciar ás orquestras, aseguran que en xeral “foron máis as felicitacións e parabéns por atrevernos a facer algo que fuxía do habitual”.

Andrés Laxe

A asistencia de público deulles a razón, porque veciños e visitantes achegáronse ao torreiro da festa a gozar desta programación apegada aos artistas locais e con marcado carácter cultural. “é un camiño viable e factible e que ademais favorece que cada festa teña a súa propia singularidade”.

Carlos “Saja”

“Estamos acostumados a medir as festas polas orquestras que se inclúen no programa e os cartos que se gastan e iso é un disparate, é inviable que cada parroquia gaste de media uns 25.000 euros por día”, conclúe Andrés Laxe. Co obxecto de cambiar esta premisa instan ao Concello a organizar unhas xornadas orientadas ás Comisións para reinventar estas celebracións e favorecer a organización doutro tipo de festas sen necesidade de gastar cantidades económicas que “son inasumibles”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará