Hoxe é Luns 20 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Digna Rivas reelixida alcaldesa de Redondela co apoio de BNG e AER

digna bastón

“Comprométome a ser a alcaldesa de todas e todos e asumo con todas as consecuencias a responsabilidade de manter a cohesión coas forzas que fan posible esta investidura” con estas palabras arrancaba o seu discurso Digna Rivas tras ser proclamada por segunda vez alcaldesa de Redondela, revalidando así un cargo ao que accedera no ano 2019. Á espera do que decida o BNG polo de agora terá que gobernar en minoría cos oito edís que suman PSOE e AER, quen xa asinaron un pacto de goberno.

Non houbo sorpresa e o apoio dos sete edís do PSOE, os tres do BNG e o concelleiro de AER, fronte aos dez votos obtidos polo candidato do PP Javier Bas, permitiron a Digna Rivas proclamarse alcaldesa de Redondela nunha sesión plenaria celebrada no Multiúsos da Xunqueira na mañá de hoxe.

Xa como alcaldesa, tomaba a palabra para agradecer o apoio dos grupos que lle deron o seu voto “grazas por ser quen de interpretar o que a cidadanía demandaba: un goberno de progreso”.

Engadía que “Redondela é un proxecto colectivo, non é unha suma de siglas nin unha loita polo protagonismo persoal” e manifestaba o seu compromiso a garantir “a estabilidade deste goberno” e a ser a “alcaldesa de todas a todos, sendo consciente de que a cidadanía estanos observando e agarda máis acertos que erros”.

Falou tamén dos eixos que marcarán o seu goberno: igualdade, políticas sociais, defensa do medio ambiente, cultura, apoio a economía e emprego e posta en valor do patrimonio e os recursos turísticos, en resumo “atender e coidar as persoas e traballar para construír a Redondela que queremos, recuperando o papel que merece como cuarto concello da provincia”.

Amosou ademais a súa preocupación polos recortes nos servizos públicos: na atención sanitaria e educación así como a súa preocupación “polo rumbo que poida tomar a Deputación de Pontevedra” unha vez que xa non vai estar en mans de PSOE e BNG “sei que conto co apoio de toda a corporación para esixir que se manteñan os criterios obxectivos de reparto que se viñan respectando nos últimos 8 anos”.

Remataba a súa intervención Digna Rivas agradecendo o apoio dos concelleiros e concelleiras que a acompañaron nestes últimos anos, moitos dos cales xa non repetirán neste mandato, así como a súa filla e a súa nai presentes no auditorio.

A anécdota da xornada correu a cargo da presidenta da mesa de idade encargada de presidir o pleno, Pilar Martínez, quen cometía un erro no reconto de votos, concedéndolle ao PP un total de 11, o que lle daría a Bas a maioría. Erro que corrixía sobre a marcha entre as risas e os aplausos do público.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará